O previsíbel suceso da demostración de hoxe en Compostela ilustra o alcance da idea de Suso de Toro que recolle hoxe Xornal de Galicia: a evidente pluralidade das persoas a se manifestar e a constatación de que hai moita xente que non adoita falar galego –ás veces mesmo non é quén a facelo– que, porén, considera a lingua un patrimonio propio a mantermos e desenvolvermos e desaproba de vez a política deconstructora que exerce o Goberno de Feijóo.
Os gobernantes da Xunta, nunha clara promoción da división social, teiman en definir o problema como un problema de liberdade. Todos defendemos a liberdade individual de opción lingüística. Mais, para podermos exercer ésta, precisamos coñecer fondamente, na fala e na lectoescritura, as dúas linguas oficiais da Galiza. Non existe o dereito á ignorancia. E para poder optar o uso cotián dalgunha das dúas linguas precísamos o emprego do galego como lingua vehicular do ensino e das Administracións, a súa igualdade xurídica co castelán e máis a súa intensa discriminación positiva para promovelo na empresa, medios de comunicación, publicidade ou xustiza. ¿Por que? Porque a realidade actual é dun abafante predominio do castelán e dunha inxusta minorización da única lingua propia do noso país, que perde falantes por non contar cos instrumentos xurídicos, sociais e de promoción axeitados. Sen discriminación positiva do galego non é posíbel a liberdade.
Rafael Cuiña dicía onte nestas mesmas páxinas que hai unha boa parte do PPdeG que rexeita a política do seu Goberno neste eido. Teño constatado este feito. A Xunta do PP está vencellada a unha pequena presa de activistas de tendencia minoritaria, alleos á fasquía das maiorías sociais deste país e da militancia popular. Estes activistas sementan a división social por se sentir incómodos coa propia idea da súa convivencia no seo dun país chamado Galicia ou dun pobo chamado galego.
Velaí a súa apelación ao individualismo de parte das novas clases medias urbanas. E por iso cómpre redefinirmos as estratexias a seguer. Porque é tempo de pluralidade, tolerancia e sedución coas persoas, familias e empresas. Mais tamén é tempo de esixencia coas Administracións públicas e os seus concesionarios, contratistas e entidades receptoras de subvencións. Mesmo reivindicando os valores do plurilingüismo e do propio bilingüismo. Na Galiza non hai máis lingua propia có galego, mais temos de admitir sermos un país bilingüe. Onde, por certo, os únicos bilingües somos nós, usuarios do galego, que nos manexamos decote en calquera das dúas linguas.