O instituto nacional de estatística (INE) acaba de facer público os resultados da ‘Enquisa de Condicións de Vida’ e neste informe obtemos o dato de que practicamente o 20% dos residentes en España viven por debaixo do índice do que se entende por pobreza relativa. E engade a Enquisa outro dato non menos importante e preocupante: a porcentaxe de fogares españois con problemas para rematar o mes con dignidade (económica, enténdese) foi superior ao 60% na segunda metade do ano 2008. ¿Que está a acontecer, pois, na España de Rodríguez Zapatero? Vexamos. Se partimos do que se entende hoxe na Unión Europea por pobreza, un pobre é aquela persoa que consegue vivir, en moitos casos penosamente, con menos do 50% da Renda Media dispoñíbel neta do Estado correspondente, o que significa, no caso de España, que existen máis de 8 millóns de persoas (perto de 2 millóns e medio de familias) que son vítimas da chamada pobreza relativa; porque se falamos de pobreza severa –menos do 25% da Renda Media– a cifra chega mesmo a estarrecer: 1.700.000 persoas, o que equivale aproximadamente a uns 300.000 fogares. E diante desta realidade e deste problema, tantas veces deixado de lado, alguén debería explicar que políticas se levaron a cabo no pasado (Aznar) e se levan a cabo hoxe (Zapatero) para que o Estado español sexa na actualidade, segundo datos da Comisión Europea sobre protección e inclusión social, o segundo país da UE con maior porcentaxe de poboación en risco real e material de pobreza. Porque a un ocórreselle pensar, e disimulen a pregunta, o seguinte. ¿Non debería esta situación tan lamentábel ser obxecto de máxima preocupación e atención por parte do Goberno central –e dos autonómicos, por suposto–, e máis en tempos de crise como nos que estamos? ¿Por que as administracións públicas non atenden con celeridade e eficacia, cando menos, os casos máis graves de pobreza severa que se están a producir día a día en España? ¿Para que serve a Política, con maiúscula, e os orzamentos que manexan os poderes públicos? Si, existe un sistema de Garantías de Ingresos Mínimos que cubre, aspirando a unha mínima dignidade, os casos máis apremiantes dos individuos e das familias españolas. Mais, como se demostra, non é suficiente. Ningún Goberno, nin Aznar antes, nin Zapatero agora, plantexou un combate político en serio e en toda regra contra a pobreza. E isto resulta máis grave, por razóns obvias, no caso de Zapatero, que goberna hoxe unha España que rexistra, segundo o Informe da Inclusión Social elaborado pola Fundación Caixa Catalunya, as taxas de pobreza infantil máis altas de Europa.