Como persoa políglota non deixa de fascinarme a obsesión do noso actual goberno coa aprendizaxe do inglés. Nin a min nin a ninguén se lle escapan os beneficios de aprender a falar outros idiomas (non só este) ademais dos propios, pero ao meu entender hai algo torto nos argumentos. En primeiro lugar, calquera persoa que se embarcase con mínima seriedade no esforzo de aprender outro idioma a un nivel de certa competencia saberá das dificultades que isto entraña, do traballo de por vida que significa, porque os idiomas, os propios e os que se adoptan, son complexos mapas do mundo que nos transportan a outras realidades.
Os idiomas tampouco se falan en abstracto nin falar moitos soluciona en si ningún problema porque hai un principio básico que fai que só sexan útiles no seu contexto. Así, non creo que a moitas persoas do meu entorno lles vaia contribuír en gran cousa saber inglés, pero galego si. Que con estes señores parece que o único destino desexado por calquera galega ou galego é emigrar, tal obsesión teñen primeiro co castelán que vale para falar fóra de Galicia e logo co inglés, que vale para falar aínda máis fóra. E para falar dentro, que é onde polo menos eu quero vivir? Mais hai algo aínda máis grave en todas as argumentacións desta índole que ten que ver coa mentalidade que se promove: a do chamado pensamento único. Precisamente o máis contraditorio para aprender idiomas, que debería partir do afán de comunicarnos e achegarnos a outros mundos. A capacidade para expresarse noutro idioma que tanto lles gabamos, por exemplo, ás xentes dos países nórdicos ou bálticos ten fundamentalmente que ver coa posición que certos pobos ocupamos no mundo e que nos fai conscientes da diversidade do mundo. As persoas que falan linguas maioritarias adoitan pensar que son as demais quen deben expresarse no seu idioma e non ao revés. Os exemplos son numerosos. Un recente, o dun xornalista da BBC que pretendía que o futuro ministro de asuntos exteriores alemán, Guido Westerwelle, lle contestase en inglés a unha pregunta, ignorando primeiro que estaba en Alemaña (co cal o lóxico sería que a BBC enviase un correspondente que soubese falar alemán ou que levase intérprete, non si?) e segundo que estaba falando cun alto cargo que ten que representar ao seu país e por forza o seu idioma. Alguén lles debería de recordar isto a un número moi elevado de conselleiras e conselleiros que provocan vergoña mesmo en persoas castelán falantes, non demasiado proclives ao galego, pero que asumen a importancia como mínimo da representación institucional.
Hai outro elemento tamén do máis obvio posible, que é o feito de que cantos máis idiomas se saben, mellor se aprenden outros por relación (xa non falemos da obviedade de aprender portugués) a nivel gramático e de pronuncia. Será por algo que os castelán falantes monolingües saen sempre tan mal parados cando se mede o coñecemento doutras linguas. En galego, para aprender o idioma que tanto obsesiona ao noso goberno temos dúas vantaxas de pronuncia principais: as sete vogais (para quen aínda as pronunciamos) e o “x”. Para empezar, ademais, todas as persoas galegofalantes sabemos sempre dous idiomas. Por iso o importante é aprender galego, entender que é o que nos fai imprescindibles no mundo, nin o castelán nin o inglés. Só o galego fainos políglotas.