Nestes días a opinión publicada repite como un mantra que non se politicen a xestión e as posibles fusións das caixas. Dáse por descontado que a política non ten nada que ver coa racionalidade económica e social das caixas. O que está pasando con Caja Madrid é mostrenco pero non deixa de ser unha derrota aceptar definitivamente que a política é mala para as cousas de comer. O problema das caixas ten unha grande dimensión política porque boa parte do noso tecido empresarial e da acción cultural e social do país dependen da eficiencia da súa xestión. A política debería contribuir a iso, porque políticas son as condicións nas que se pacte ou non unha fusión galega e políticas seguirían sendo as condicións de fusión exterior, no que afecta ao control democrático e racional da territorialidade dos investimentos e da súa obra social. Unha fusión galega forzada non deixaría resoltos por si mesma os problemas de solvencia nin sería garantía de extinción de residuos localistas. Cómpre, pois, política. Da boa, non da mala.