Coraxe. Se existise algún deus bondadoso, sería galego, pero tería un piso en Alcorcón. Non foi só o alegrón pola vitoria do débil fronte ao poderoso, senón que o David e Goliath que se verificou con triunfo ostentoso de David, esta semana no 4-0 do Alcorcón contra o Madrid simboliza unha reconfortante vinganza da periferia contra o centro e o seu poder omnímodo, ostentoso e “hortera”.
O Alcorcón encarnou a épica de todas as periferias contra o centralismo prepotente. Dán ganas de bautizar esa vila como Alcorcón D.F. (Distrito Federal) e de incluíla no censo de paises sen estado. Na parte máis intelixente e proactiva do subconsciente colectivo habita esta felicidade reconfortante e xenticamente ilusionante que produce sempre a vitoria dos David da Historia e da vida. É un resorte innato que sobrevive en todos os individuos, a pesar de que tantas veces conformemos masas sumisas e manipulables. Un contraste terapeútico que nos permite manter confianza na condición humana e que nos serve para fabricar ilusións puntuais para aturar a desigualdade e seguir adiante. O triunfo de Alcorcón é como a resistencia triunfante dos vietnamitas fronte a poderosa máquina militar americana. O que veu ratificar ese partido e ese resultado é que a xustiza poética existe e decide actuar nalgún momento. Ás veces estes resortes agachan grandes contradicións. Se cadra, noutro territorio nada épico, a aceptación no imaxinario colectivo de personaxes saídos do barrio como Belén Estebán, se esconde unha vinganza popular contra a “jet” aritoscrática e millonaria. Confeso tamén certo sentimento cruel interior contra os excesos da perfección e do virtuosismo: de neno, no circo, alentaba a ilusión oculta por asistir en directo aos fallos dos trapecistas.
Melancolía. Sei que, coma todos, constrúo hoxe esta épica pseudochovinista a favor do que a min me interesa, pero é que estes esquemas simplificadores coas excepcionais vitorias de David contra Goliath son tremendamente reformistas. A vitoria do Alcorcón non vai alterar a estrutura do fútbol profesional, porén non deixa de ser una aceno real da viabilidade da esperanza. E ben que a necesitamos.