Martes, 09 de febrero de 2010 - 19:10 h
María Xosé Porteiro
Xornalista
07-11-2009 22:50

Feijóo, perdido entre Miami e Bos Aires

1 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 8 voto/s

Antonte en Miami, o director de El Mundo, Pedro J. Ramírez, dixo tras recoller o galardón de “Español Universal” no mesmo acto en que o fixo Bisbal –e pensaba telo recibido Núñez Feijóo–, que ese premio está concibido como “unha ponte entre España e América”, pero mira por onde, o presidente galego decidiu horas antes non cruzar o charco e desaproveitar tan magna oportunidade de demostrarlle ao mundo que está cheo de méritos polo seu gran labor a prol de España nos Estados Unidos. De España, si, leron ben, aínda que nos numerosos comunicados dos días anteriores á entrega dos premios e para contrarrestar as críticas da oposición, argumentáronse cousas tan peregrinas como que o recoñecemento non era para Núñez Feijóo, senón para a Xunta, ou que no noso presidente “tentaría conseguir” –que vergoña– que se puidese proxectar un vídeo do Xacobeo 2010 nunha cea de gala na que hai que ir de rigorosa etiqueta e pagar 350 euros con dereito a alfombra vermella, cóctel, cea de tres pratos, presentadores mediáticos e un público formado por un cento de representantes de empresas españolas coas que, por certo, tamén se podería reunir aquí nun contexto máis formal e menos festivo, nestes tempos de austeridade. Porque o que non contaban os comunicados oficiais é que ata o de agora o criterio de elección dos premiados foi primar o “famoseo” de españois residentes ou vencellados con EE UU como Julio Iglesias, Alejandro Sanz, David Bisbal, Antonio Banderas, Pau Gassol, ou ser un líder do PP como José María Aznar ou Rodrigo Rato. Porque a gravidade desta historia é a constatación de que non se estaba ante unha viaxe de contido real senón ante unha mera plataforma de relacións públicas inspiradas no showbussines e montada por algún asesor que non distingue entre a seriedade da acción política e a xustificación artificial de buscar unha foto nun foro puramente propagandístico ao outro lado do océano. A cousa empeora cando, precisamente nesta hora, a política exterior galega está a pasar polas súas horas máis baixas e raia o esperpento logo da falcatruada que a Xunta pretende perpetrar contra a atención sanitaria pública dos galegos no Hospital do Centro Galego de Bos Aires e sobre a que non vou insistir porque desde este xornal se ten informado convenientemente.

En todo caso, algunha cabeza haberá que poñer sobre a mesa para rectificar todo este desaguisado: altas autoridades, en persoa ou por teléfono, coaccionando e ameazando aos representantes das colectividades galegas na capital arxentina, para que acepten e aplaudan unha decisión que deixará aos pés dos cabalos a unha poboación na que hai moitos maiores que precisan de atención médica, e unha institución centenaria de enorme carácter emocional e simbólico, sobre a que existía unha ollada sensible e un plan de reflotación que comezou con Fraga e seguiu con Touriño. E todo este culebrón cun delegado da Xunta desaparecido en combate e cun Secretario Xeral de Emigración que axiña terá que fixar a súa residencia na capital rioplantense porque pasa alí a maior parte do seu tempo (por certo, canto percibe por dietas –alén do seu salario– e canto pagamos pola súa estadía cada día que pasa fóra de Galicia desmontando servizos sociais e asistencia sanitaria pública?). Que Feijóo vaia a Miami ou se quede en San Caetano é absolutamente irrelevante neste momento onde a crise política exterior se está a vivir no Cono Sur, por máis que o xustifique cun ataque de responsabilidade pola desgracia do Alakrana que xa era tan importante na véspera da entrega dos premios, coma o día seguinte cando decide non asistir. Cheira a demagoxia.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
A CHULI MANDA
da Vila
2009-11-07 22:31:27
Que se deixe de gaitas e diga que foi a chuli que nom tinha ganas de ir.Polo que o presidente nom manda nada, quem manda é a chuli que sem trajes caros nom vai a lugares de pouca glamour.

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.
publicidad
Publicidad Diccionario galego-ingles