Miércoles, 17 de marzo de 2010 - 2:17 h
María Reimóndez
Tradutora e escritora
10-11-2009 22:11

A cultura que facemos, a cultura que queremos

0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 19 voto/s

que a nosa cultura –entendida esta no sentido máis amplo da palabra– está viva e nos dá vida é algo que os feitos demostran. O primeiro deles, paradoxalmente, é a actitude belixerante do noso actual Goberno cara ao sector cultural en galego (e en xeral cara ao idioma). De algunha maneira perversa esa animadversión constanta a nosa vitalidade e debería facernos sentir un certo orgullo de ter a importancia suficiente como para facer tremer os alicerces dun proxecto rancio, dependente e insignificante de país como o que defenden neste campo os nosos actuais gobernantes. Debemos de ter tal poder, porque se non non se entende tanta xenreira, a verdade. O segundo feito ten que ver coa resistencia sen cuartel da vida cultural nos momentos máis difíciles. Nun entorno que pretende abafar, sexa pola política de “non a matar pero que vaia morrendo” da eterna era fraguiana a esta acción taxativa e despectiva do actual feixoísmo, o teatro, a música, o cinema, a literatura, as artes feitas en galego, saltando fronteiras e dificultades á pata coxa, fan moito máis ca sobrevivir. E digo á pata coxa porque, como xa expliquei noutras ocasións, os gobernos teñen obrigas de apoio aos sectores de todo tipo, este non sei por que ten que ser unha excepción. Digo á pata coxa porque o goberno que debería amparar o noso traballo non o fai, non loita contra os estereotipos que nos rodean e que son fortes murallas (empezando por unha industria cultural do estado español que sen razón de ningún tipo ve calquera cousa non expresada no idioma de Castela como algo insignificante e subsidiario, xa non digamos os esforzos que hai que facer fóra para visibilizar primeiro un país e un idioma, e logo un produto concreto) nin proporciona unha serie de estruturas básicas para chegar á cidadanía. Máis ben todo o contrario, temos un Goberno que nisto é como un mago cun baúl: calquera cousa en galego ten que desaparecer ou como mínimo facerse invisible.

No fondo de todo hai tamén unha discordia sobre o que se considera cultura, claro está. Un grande fasto tipo Xacobeo ou o traballo do día a día por crear pensamento. Por crear país, esa grande ameaza, que se expresa dende centos de sensibilidades e propostas que enriquecen o que somos.

Con todas as críticas que queiran facerlle ao bipartito neste campo da cultura non cabe dúbida de que por unha vez houbo unha política. Maior, menor, con acordos, con desacordos, pero unha política activa e firme en actos como o Culturgal. Estes actos sementaron unha visión e con iso tiveron xa importancia.

Por iso se cadra, e polos anos de resistencia acumulados, dámos agora pasos máis afoutos no activismo. Por iso queremos decidir a cultura que facemos. Por iso non imos deixar esmorecer as iniciativas. Por iso todo se organiza o AchegArte na Coruña, malia a Consellería de Cultura, contra ventos e mareas. Tentarán agora a vella estratexia: que non se nos vexa na prensa, que non teñamos relevancia, mais os días 28 e 29, coas portas abertas, a cultura achégase á Coruña e será unha grande festa que non precisa de anos gloriosos que a santifiquen porque xa estamos nós, creadoras, creadores e cidadanía para santificar o que sexa necesario coa nosa presenza, opinión, debate e ideas. E niso non pode faltar ninguén.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.
publicidad
Publicidad Best Sellers