Tralo arco perfecto das súas cellas, Silvia agocha arquitecturas derruídas, pedra vestida de carriza. E os ollos descenden igual que a auga no manancial. Un aguia de refulxentes plumas marróns estase a quedar sen folgos, pésanlle as ás. A ollada de Silvia máncate sen estar presente, hai semanas que voa en soños cara as ondas que rompen nun mar de moi lonxe. Deixou no seu lugar dous cadaleitos de vidro que miran a ningures e a todas partes, que fenden as pantallas e sangran os papeis impresos. Pero Silvia non está nin quere estar, Silvia só desexa abrazar a espuma xunto a el, mollar os pés descalzos a carón del. Silvia daría o que fose con tal de non ser unha verba deste artigo, de ningún artigo, con tal de borrar as súas pegadas na area antes de emprender o voo. E á comisura dos beizos nácenlle vieiros lúgubres, pasadizos escuros. E das pestanas colgan pingas, coma das pólas arbóreas, a chuvia cristalina. A face de Silvia sen Silvia é dunha beleza doente, cadáver escultural, ángulos de mármore. E son moitos os que se achegan a contemplar a súa ausencia, políticos que empregan o sufrimento para arrincarse o pelexo. Pero non se dan conta? Silvia xa non está nin quere estar. Cando todo aconteceu, fuxiu na procura dese barco, para poder escoitar esa voz tenue que a chamaba, a única que verdadeiramente lle importa. Furou nubes, toldou as raiolas do sol e agora agarda expectante, prega por saber, non entende nada, Silvia necesita que el estea ben no medio deste balbordo inerte. E, seguramente, ás veces enfádase, é certo, vítima da impotencia, séntese mutilada, ninguén a escoita, ninguén sabe o que está a padecer. Transformárona en ficha de taboleiro e agora séntese movida pola xema dun dedo alleo. Menos mal que ao seu redor hai ríos de xente, homes e mulleres, manifestacións de almas limpas e humildes que lle acarician o cabelo e lle poñen a man na meixela aínda que saiban que ela segue lonxe, perdida no mar, na procura del. Aquí, neste país, aínda existen as viúvas de vivos das que falaba Rosalía nos seus versos, unha delas podería chamarse Silvia Albés e ten o lume da súa mirada prendido no Alakrana. Porque como di o poema:
“Sin mirar, fixa os ollos
nas brétemas leixanas,
vaporosas e leves
que o sol pinta de grana.
E as mans en cruz, i os ollos
arrasados en bágoas
marmura saloucando: - ¡Quérome ire
porque agonizo aquí desconsolada...!
Millor que acá antre rosas
¡Ai!, quero ir a morrer a donde el vaia!
E no fondo do barco
soíña, abandonada,
tras seu amor í a morte, para América,
para morrer de dor, ó mar se lanza”.