CORAXE. Cando se fala moito de algo, sempre corremos o risco de que o substancial quede opaco detrás da avalancha dese propio discurso. Esa opacidade está contaminando as opinións sobre a fusión das caixas galegas e tamén sobre o futuro de TVE como empresa pública. En ambos os casos, rexe un principio perverso de desacreditación do público e unha estratexia lenta para provocar a súa desaparición. Vaiamos coas caixas.
Resulta cando menos paradoxal que os que nunca se distinguiron precisamente pola defensa da titularidade galega do sistema empresarial e financeiro, invoquen agora, como se fosen galeguistas de toda a vida, a fusión como única alternativa. Mágoa que non practicaran ese mesmo nacionalismo económico co concurso eólico. No debate falta sobre todo transparencia contable para saber se efectivamente esa fusión sumaría e non restaría.
Un minuto antes de que o Banco de España puxese en marcha a opción do FROB, non se falaba en Galicia de fusión, nin durante anos da existencia das dúas caixas (despois das fusións respectivas no norte e no sur) ese era un asunto de primeira liña. Entre outras cousas, porque, de facto, as dúas caixas son globalmente galegas ante a poboación ao teren as súas oficinas e accións de obra social espalladas en todo o territorio. Mentres non se despexen estas dúbidas, o único certo que podemos intuír é que o Banco de España quere limpar o mercado bancario a favor do sector privado. Non esquezamos que as caixas supoñen case o 50% dese mercado. Feijóo que, como presidente da Xunta, debería ser o valedor lexítimo do interese público nesta encrucillada, enfróntase por primeira vez a algo que divide seriamente os seus propios afíns e as oligarquías locais.
Por primeira vez en meses ten que tomar unha decisión por si mesmo e non limitarse a gobernar en negativo anulando iniciativas do anterior goberno bipartito.
MELANCOLÍA. Reservo a sobrevivencia de TVE como empresa pública para a parte máis sentimental do meu subconsciente audiovisual. O último problema que ten TVE é que o seu novo presidente ten 81 anos. A cuestión está en por qué ten que dimitir o actual presidente cuns resultados de audiencia líderes, uns informativos incontestables e unha valoración excelente por parte dos seus usuarios. A presión dos operadores privados é evidente. Queren unha tv pública que non lles dispute a publicidade e a audiencia. Axiña pasarán a reivindicar a desaparición dunha tv pública sen público.