A BAÑEIRA FUMEA e o espello do cuar to de baño atópase abafado, reflicte imaxes diluídas. Con todo, poden intuírse dúas figuras, unha máis grande e outra máis pequena, unha nai e unha filla. Escóitanse gargalladas de fondo, xogan coa auga, salpícanse. De súpeto, a muller maior xira o pescozo, tenta protexer os ollos, vírase cara o cristal e contempla así a imaxe propia tapiada co muro do vapor. Queda quieta, coa boca entreaberta, impasible ante a choiva infantil que está a anegala.
Non recoñece o bosquexo de si mesma, esa pantalla opaca dilata os defectos e camufla a beleza. Os peitos caídos, as cadeiras cada vez máis redondeadas, as bolsas dos ollos, os fíos brancos que moi sutilmente comezan a agromarlle no cabelo. Onde está o brillo da mirada? Onde, a electricidade do tacto? Segue quieta, coa boca entreaberta, non é quen de moverse.
“Mamá, por que non me contas un conto?”, pregunta a cativa.
E a nai esperta, volve á bañeira, ao prado dos xogos e contempla o sorriso da súa nena. Sen dúbida, ten unha nena moi lista que a entende con só unha mirada. Cada vez, son máis semellantes. Velaí están os buracos das meixelas, o xeito de abanear as mans ou as diminutas orellas separadas da cabeza. “E por que non mo contas ti a min? Ti tamén sabes, a mestra ensínavos moitos”, replica a nai. “Mmmmmm, vale, non sei... De acordo”, a pequena ao principio dubida pero logo inicia o seu relato. Por un intre, a pel murcha deixa de pesar. As liñas que cospen os bordos dos ollos vólvense raiolas de sol. Unha nai tenta amosarse forte ante unha filla. Ocultar os complexos, os traumas, as carencias, as inquietudes. Desexa que ela medre libre, sen medos, orfa de xenreiras. Nada debe perturbar o seu sono, as súas ilusións.
Pero a cativa intúe esa falsa fortaleza e o que a nai non sabe é que precisamente iso é o que máis admira dela, a capacidade para loitar contra a súa propia historia, contra as eivas que, dende hai séculos, tratan de derrubala, paredes de pedra, revestidas de cemento, pintadas de cores. Pero a lingua nunca deixará de darlle alimento aos seus fillos aínda que algúns a traizoen, é unha nai fiel, unha supervivente. A nena conclúe o seu relato e dálle un bico á muller. Logo érguese, sae da bañeira, pon os pés no chan e achégase ao espello. Abre as palmas das mans, as dúas, e con elas limpa o bafo do cristal. Séntese orgullosa de que a pel lle quede húmida. Agora, nai e filla poden contemplar a súa imaxe nítida. E os defectos convértense en insignias do camiño percorrido, en pegadas gloriosas. E hai brillo nas olladas, hai identidade.