“e hai brillo nos ollos, hai identidade”, deben pensar os fillos da lingua ao contemplar o camiño percorrido, esa obra magna que fusilou o tempo, labirinto fecundo, vieiros que se bifurcan, liñas de fuga, lecturas múltiples, interpretacións diversas, océano de sensibilidades, ondas que rebentan de xeito abrupto e ondas que rebentan de xeito lene, rochas esculpidas, area. Cando un cativo pronuncia a primeira verba está a recibir un agasallo, a chave que abre a porta de todo un proceso dialéctico, un debate de infinitas voces, antigas e presentes, que se cuestionan a si mesmas, que tentan acadar unha definición, a procura perpetua do significado, a loita por descubrir.
Educar nunha determinada lingua non implica unha asunción inquebrantable, non é unha venda nos ollos, máis ben todo o contrario, é dotarse dunha ferramenta para entender(se) e cuestionar(se), para deixar tamén a nosa pegada na praia.
España é unha verba ben fermosa, é unha verba plural, unha suma de identidades, de idiomas, unha fusión de culturas. E aí precisamente, na confluencia, no punto converxente, é onde reside a súa beleza.
Agora ben, para que a suma sexa unha verdadeira suma e non se transforme nunha resta é preciso respectar as identidades, a propia e a allea, respirar, labrarse individualmente, para, ao mesmo tempo, ter algo que compartir. Por iso é tan necesario protexer o patrimonio, mimalo, para que despois se converta nun útil material de intercambio, de aprendizaxe mutuo.
Ser educado nunha lingua minorizada non é ficar quieto ollando para o embigo propio, todo o contrario, é observar con curiosidade e devoción o horizonte.
E por suposto que este, o da tolerancia, é un marco de convivencia posible.
Moitos pensan que os que nos plantamos nun medio de comunicación a enarborar un discurso deste tipo somos os tentáculos dunha determinada cor política.
Nada máis lonxe da realidade, a defensa do idioma non é patrimonio dunhas siglas, trátase de algo que vai máis alá da posición ideolóxica, a defensa da lingua é unha cuestión de civismo.
Resulta moi contraproducente escoitar as verbas daqueles que tratan de ver neste tipo de opinións unha imposición dirixida dende esferas nacionalistas. Acaso o que defende este último punto de vista non é un nacionalista español?
Non está reivindicando a supremacía dunha cultura homoxénea que non existe? Os fillos da lingua, das linguas, debemos facer uso da nosa propia natureza, o esqueleto que vertebra o que somos. Comprender o punto do que vimos e o punto cara o que camiñamos