CORAXE. Por razóns que non acerto a comprender, a opinión pública parece inmune aos casos de corrupción política (así o revelan as enquisas). Non teño tan claro que a xeneralización da demagoxia, como código da política, non vaia contaminar como un cancro de consecuencias imprevisibles a percepción que a cidadanía ten/temos da democracia.
Como primeiro efecto, si podo rexistrar que esa demagoxia xera unha alteración da valoración que cada un poidamos ter da xestión dos políticos. Así,
na última semana, a miña
opinión crítica co goberno
pola xestión no caso do
Alakrana múdase en aceptación, como mal menor, perante a obscena escenificación demagóxica do PP.
Non quero nin pensar no desenlace do secuestro se a responsabilidade institucional da negociación tivese sido da comandante Soraya Sáenz de Santamaría que reprochaba ao PSOE no Congreso que non se tivese optado por unha intervención militar.
Mal feito estivo por parte do goberno o traslado a España dos detidos ou, posiblemente, a comunicación coas familias nas primeiras semanas do secuestro, pero estou seguro de que se valorou a posibilidade do uso da forza e que se desbotaría polo risco para a tripulación e que ningún goberno con sentido común tivese obstaculizado o pagamento do rescate.
Se á demagoxia temos que sumarlle a superstición institucional, o resultado pode ser letal. E nesa tesitura hai que situar a hipócrita reacción madrileña ao editorial conxunto dos diarios cataláns.
Pensar que baixo a presunción de presión a un tribunal (tan deteriorado e arbitrario como o Constitucional) se debe relaxar ou mesmo suspender o exercicio da liberdade de expresión é o primeiro estadio para retornar ao autoritarismo.
Se a aprobación de dous parlamentos e un referendo non son suficientes para validar un estatuto, algo está seriamente avariado neste sistema pretendidamente democrático.
MELANCOLÍA. Pero outro tipo de supersticións sobrevoan a actualidade. Aquí, en Galicia, andamos coa superstición da galeguidade financeira, como principio que poida estar por encima da solvencia económica ou calquera outra racionalidade. Mal negocio para a xente de Galicia unha fusión de caixas que dea como resultado unha caixa feble e vulnerable. A transparencia e os datos reais das dúas caixas son o único criterio que pode alumear esa escabrosa cuestión.