Na pasada fin de semana reuniuse o plenario da Internacional Socialista en Santo Domingo baixo a presidencia de Georges Papandreu, recente gañador das eleccións gregas. A delegación do PSOE coa que participei nesta cita, fixo unha firme defensa da democracia e dos dereitos cidadáns como algo ao que non se pode renunciar nin admitir o seu recorte. Semellaría innecesario facer este tipo de chamados a unha altura de desenvolvemento na que un paso gañado en materia de benestar ou de avance social debería estar firmemente asentado, pero non sempre é así. É o caso do tema do aborto que en algúns países latinoamericanos está sendo rexeitado por formacións políticas que se reclaman da esquerda democrática, pero que na súa práctica política propoñen ou apoian reformas constitucionais para prohibilo. Así acontece en México, en República Dominicana, en Nicaragua ou en Uruguai e así o denunciou a Internacional Socialista de Mulleres reunida uns días antes. Regreso preocupada por esta volta a posicións conservadoras baseadas na doutrina do Vaticano e penso na facilidade con que se botan por terra grandes reivindicacións sustentadas nos dereitos humanos.
Abonda nesta reflexión a decisión da Xunta de privatizar o Hospital do Centro Galego de Bos Aires dando pé a unha operación lucrativa na que algún amigo vai saír especialmente beneficiado, e si non, tempo ao tempo. Unha ousadía sen límite que anuncia o que, máis cedo que tarde, tentarán facer tamén aquí se a oposición e a opinión pública non se mobilizan coa forza e a teimosía que o asunto reclama. As galegas e os galegos da emigración teñen difícil ser escoitados aquí porque nalgúns sectores son vistos con receo, por iso observo con agrado como o BNG, non sempre sensible cara a este colectivo, vén de acusar ao PP de “vender a nosa historia en anacos”. Totalmente de acordo pero convén lembrar que a cidadanía residente fóra de Galicia non é un fósil prehistórico, senón unha realidade viva e puxante, comprometida co país e moi proactiva cara nós, a nosa cultura e o noso devir. A solidariedade dos nosos devanceiros fixo que a atención médica e sanitaria fose asumida de xeito colectivo polas sociedades que foron nacendo nos países onde emigraron maioritariamente os nosos compatriotas desde finais do século XIX ata mediados do século XX. Fomos un exemplo de civismo e de humanidade, e así se valorou sempre á hora de defender a pervivencia de sistemas de prestación social e de saúde que hoxe son dereitos de cidadanía extendidos alá onde haxa unha galega ou un galego. A Xunta actual, inspirada na ideoloxía neocom do PP, actúa como elefante en cristalería e rachará con todo o que sexa preciso para favorecer o lucro e para ir desmontando un estado do benestar no que non cre, sen que importe o retroceso social que isto conleva. O noso primeiro e vixente Estatuto de Autonomía favoreceu que fosemos gañando competencias e avanzando socialmente, malia manter un criterio de atención á poboación emigrada máis cultural ca social; faise urxente retomar a discusión entre tódalas forzas políticas galegas sobre un novo texto onde o compromiso se amplíe e se faga inalterable para evitar que políticas conxunturais e puramente partidarias, fraxilicen os dereitos que accións de outros gobernos fixeron xermolar.
Porque cos dereitos non se xoga. Non podemos permitir que a Xunta nos convirta en cidadáns de segunda división.