Chegou a crise económica internacional e quedaron espidas as nosas debilidades económico financeiras. Neste intre, o centro de atención mediático e político sitúase na resolución da gran pregunta: ¿Deben fusionarse as nosas caixas de aforro? E teño a impresión, de que unha vez máis, as urxencias para acadar unha resposta fainos esquecer porque chegamos ata aquí.
Esta historia non comeza coa caída de Lehman Brothers, nin cos cumios do G-20, nin sequera coa aprobación do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB), senón coa estratexia empresarial durante décadas de dúas entidades que resolveron problemas persoais e familiares dos seus dirixentes, que antepuxeron afinidades políticas e persoais a criterios económicos e sociais e que esqueceron o papel que tiñan que xogar no país.
Sería demagóxico imputar todos os males da nosa economía ás caixas galegas, pero certamente, en conivencia con poderes políticos e empresariais, contribuíron á perda por peche ou deslocalización de sectores prioritarios da nosa economía, como o sector lácteo, o sector eléctrico, importantes inmobiliarias, a conserva, a pesca ou a acuicultura.
Fronte a isto, apuntáronse á especulación urbanística, non só en Galicia, senón noutras partes do Estado e incluso no estranxeiro. Resumindo, colleron o diñeiro dos depósitos, das nóminas e das pensións dos galegos e galegas e favoreceron a creación de riqueza e emprego fóra de Galicia.
Xa metidos sen remedio na urxencia de acadar unha solución, concordo cos criterios que se veñen expresando con tanta unanimidade como inconcreción: que o centro de decisión se manteña en Galicia, que ningunha das dúas sexa absorbida por unha entidade de fóra de maior tamaño, etc. Pero a pregunta que a min me amarga é ¿Para que unha fusión ou un SIP? Se damos este paso para que efectivamente os consellos de administración das caixas representen os intereses sociais para os que foron concibidos, para favorecer unha política económica comprometida co país, co sector industrial, coa I+D+i, có apoio aos emprendedores, cunha obra social de menos cemento e máis implicación nos problemas das persoas, entón digo ‘si’; pero se se trata simplemente de salvar este obstáculo circunstancial para seguir coa mesma política financeira, coa mesma fauna dirixente e as súas disputas interesadas, para seguir apostando pola especulación, polo enriquecemento rápido a costa do futuro, para manter unha obra social e cultural de escaparate, pompa e circunstancia, non faremos nada.
Seguramente o dilema resolverase doutro xeito, xa que un modelo axeitado de caixa galega non será posible sen unha fusión previa, pero esta por si mesma non garante nada. Por isto preocúpame a falla de información e de proxecto concreto do Goberno da Xunta.
Non pode ser que Núñez Feijóo pretenda ser un mero árbitro, ou que derive a responsabilidade da súa posición cara ás demais forzas políticas, sociais ou económicas. A Xunta de Galicia debe ter unha posición clara e argumentada, non só en relación a fusión senón no tocante ao modelo de futura caixa de aforros galega.