A estas alturas do sainete xa sabemos que a teoría da despolitización das caixas ten unha explicación. En realidade trátase de desmunicipalizar os seus Consellos de Administración e asembleas para convertelos en instrumentos do poder autonómico. Agora sabemos que o presidente Feijóo non tiña na manga cartas agochadas. En realidade non ten nin sequera informes contundentes con capacidade para convencer os representantes das dúas institucións de aforro para acadar un acordo solvente. Descubrimos o que a intuición anunciaba, desde o Goberno da Xunta e desde a oposición o que se procura é unha solución política, non económica. E isto pode encerrar unha gravidade tan perigosa como a deostada de tomar as decisións por simples cuestións territoriais ou persoais e, mesmo, por puras estratexias matemáticas.
O problema, ademais de sentido común, de prudencia e de informes serios, require de visión de futuro pensando de verdade no mellor para Galicia e non na elemental conxuntura actual dos tres partidos no poder, da oportunidade da patronal e do sorprendente descoido ou complicidade dos sindicatos.O pase de capote que o BNG lle botou ó PPdeG coa resurrección da Lei de Caixas seguramente non sexa un simple xesto de solidariedade co país, nin unha saída cara á consecución de protagonismo inocente e de titulares de prensa. A proposta nacionalista leva implícita a aposta pola politización das caixas, unha mellor que dúas, nas que a repartición de poder estea pactado entre todas as forzas sociais. De aí a sucesión de fotos de amor e compaña de todos, co tímido desmarque de Pachi Vázquez. De aí que os conservadores collesen con toda a rapidez do mundo o tren. Pero, saben no PPdeG que ese convoi pode levar cara á utopía dunha Banca Nacional Galega? Semella unha broma, pero moitas bromas do mesmo calado remataron por crear situacións políticas e sociais de fonda transcendencia.
Dirán os expertos e os economistas que falar hoxe dunha Banca Nacional Galega é mirar polo retrovisor, é ter a mente nunha pequena sociedade pechada entre as súas fronteiras, fóra do mundo globalizado, é non ter claro os equilibrios económicos do mundo... Dirán ben, pero ningún deses argumentos ten cabida na caixa das utopías nacionalistas. Claro que, tampouco estamos a falar dun perigo, a historia sempre coloca no seu lugar os acertos e os despropósitos. Por tanto estaría ben que escoitasemos falar de democratizar as Caixas de Aforro, de procurar a súa solvencia, xuntas, acompañadas ou soas, pero con claridade por parte de todos. Digo eu.