Coraxe. Hai conceptos desexables, pero perversos por natureza. Poño por caso, “estado do benestar”. Está ben. Moi ben. O problema é que o contario (ou a súa ausencia) sería o “estado de malestar”. E iso está moi mal. Algo así pasa coa benintencionada lei da economía sostible, que vén de promulgar Zapatero. A contradición é que esa lei non descarta nin ilegaliza o que sería o contrario de “economía sostible”: a tremenda “economía non sostible”. E que debe ser a única que temos ou a que, alomenos, tiñamos ata un minuto antes de ditada esa lei.
O que desde logo non é moi sostible que esa lei teña ese carácter desordenado de caixón de xastre (caixón desastre?). A polémica veu dada nesta semana polo que parece establecer respecto á piratería. Atentar contra a propiedade intelectual é un roubo en toda regra. Copiar e difundir de forma pirata un filme é como entrar nunha sala de cinema sen pagar ou roubar un DVD nunha tenda. Penalmente iso é un delito para nada sostible nin soportable nun estado de dereito. Peor aínda que ante a protesta duns internautas, que se arrogan a representatividade de toda a cidadanía que empregamos a rede, ZP ceda de forma difusa e confusa. Non esquezamos que eses internautas votan.
Na axenda galega de política sostible e non sostible, entramos na comprobación de se a fusión das caixas é sostible. Sorprende que Feijóo invoque agora auditorías independentes. De que estiveron falando entón deica agora? Onde queda o pretendido rigor do Banco de España que se supón que audita permanentemente ás entidades financeiras?
O grande reto desa nova caixa é ser efectivamente eficiente. A grande contradición é que unha caixa é un ente público que ten que ser rendible na economía de mercado. O criterio de eficiencia que se lle aplique debe incluír a racionalidade económica (para poñer en valor os depósitos dos aforradores) e a rendibilidade social en termos de país.
Melancolía. O que nunca é sostible é o tempo, cae polo seu propio peso. Así pasou a semana. Baixo o signo irreversible do outono co heroísmo taciturno das follas caídas sobre as nosas arquitecturas persoais de ilusións perdidas e soños tronzados. Nun poema francés leo versos sobre a cólera do caracol. O tempo lento e babososo deste mundo caracol achanta o cabreo sempre pendente.