Cando unha persoa cala, o silencio é sempre incerto. Pode ser un acto de rebeldía, como cando unha se nega a contestar unha pregunta improcedente, pero a verdade é que a maioría dos silencios non son nunca elixidos. Silenciar é unha forma de extirpar do social certos colectivos, ideas, movementos. As mulleres temos ampla experiencia nisto, abonda con botar unha ollada a calquera libro de historia e asociar cun mínimo de intelixencia esa ausencia ao resto de circunstancias sociais que nos toca vivir.
Na nosa sociedade escoitamos a miúdo a idea de que o que non sae nos medios non existe. A afirmación sería por suposto discutible, pero non deixa de ser un feito que os medios achegan ou afastan a cidadanía de certas cousas. De aí a importancia de certos silencios. Comezarei por dar espazo a un que coñezo especialmente de preto. Porque exceptuando cando hai algunha catástrofe, secuestro, ou escándalo financeiro, non hai maneira de que se fale de pobreza e de cooperación ao desenvolvemento. Fóra destes tres supostos é aterradoramente frecuente comprobar como as nosas notas de prensa van ao lixo, ás nosas roldas de prensa para temas irrelevantes como informar de calquera aspecto da pobreza e sobre todo das formas de paliala, non asiste ninguén.
Peor aínda é cando hai algo que encaixaría no “noticiable” pero nin sequera se lle dá espazo, como o comunicado da Coordinadora Galega de ONGDs sobre a redución dos orzamentos da Xunta para cooperación ao desenvolvemento, que nos volve situar na cola de todo o estado español. A ningún medio lle deu para facer unha boa reportaxe sobre a hipocrisía desta suposta crise (1200 millóns de persoas que viven con menos dun dólar ao día non é crise?) grazas á cal se reducen os compromisos e se deixan os mínimos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio por imposibles. Fartámonos de recordar que os nosos gobernos non é só que teñan compromisos adquiridos e non cumpridos, como o do 0,7, senón que teñen unha responsabilidade cara á cidadanía aquí e nos países en vías de desenvolvemento.
Iso si, agora que se achega o Nadal as nosas televisións encheranse de anuncios de ONGs que buscan a nosa caridade aínda cristiá, xa non falemos dos insidiosos telemaratóns, anticristo do cambio social. Está claro que o silencio é selectivo porque para isto si hai minutos, hainos para anestesiar pensando no boas e bos que somos dando uns cartiños ou indo de heroínas e heroes brancos polo mundo cando o traballo o fan fundamentalmente os homes e mulleres do Sur, persoas que sumimos no silencio e invisibilidade. Non interesa en absoluto a reflexión, e non é cuestión de espazo, porque espazo haino en todos os medios (como para falar da vida de alguén que participou en Gran Hermano). Eses espazos máis en profundidade serían o único que nos axudaría a facer entender á cidadanía que a pobreza non se soluciona con esmola e que hai que comezar mirando para a casa de cada quen, os xestos pequenos e grandes e as políticas de quen votamos con respecto a quen non pode votar pero se ve afectada igualmente polo noso voto. Este é o traballo de cada día para organizacións como Implicadas no Desenvolvemento. Un traballo que se fai máis lento aínda por estes intereseiros silencios de indiferenza. Ademais, cando unha organización traballa dende unha perspectiva crítica, galega e de xénero, os condicionantes de desinterese acumúlanse, mesmo se leva 12 anos traballando de forma tan exemplar que asesora a unha das organizacións máis grandes de Alemaña. Porque o silencio forma parte da pobreza e fala máis elocuente que moitas palabras. Rompelo, unha tarefa máis que levamos ás nosas costas.