Pachi Vázquez dixo o venres en Compostela, no Foro Nueva Economía, que o envellecemento da poboación e a inversión da pirámide demográfica son dous asuntos estruturais e de plena actualidade nesta Galicia que camiña cara a segunda década do século XXI. Poñer enriba da mesa problemas crónicos non é unha actitude común nos políticos que, polo xeral, xogan á conxuntura e ao curto prazo. Por iso adquire máis valor a ousadía do líder socialista cando fai un acaído debuxo das grandes cuestións que lastran un desenvolvemento fluído e constante para o noso país.
No seu relato tamén saíron a relucer outros atrancos xa tópicos como o do minifundismo imperante nas mentes, na administración e mesmo na economía, xunto a outras referencias máis cinguidas á actualidade como a crise, a fusión das caixas, a parálise na reforma do Estatuto ou o pacato Xacobeo que se nos aveciña. A chamada de atención resulta absolutamente necesaria xa que as medidas que poden tomar os gobernos no decurso dun mandato adoitan estar eivadas pola urxencia de atender problemas puntuais e poucas veces respostan á análise rigorosa de causas que o paso do tempo obscurece e desdebuxa.
A caída da natalidade que nos sitúa á cola da media europea, a dependencia das pensións de ancianidade ou invalideces varias que sosteñen artificialmente a economía das zonas menos urbanas, a carencia de horizontes para mozas e mozos que produce novas ondadas migratorias, a dependencia cáseque monopolística na actividade industrial –como a automoción ou o textil–, a falta de estímulos para levar ou fixar poboación nos espazos rurais ou semi-rurais, o nulo aproveitamento da enerxía emprendedora e riqueza potencial da Galicia exterior, o noxento localismo que estraga a unidade de acción norte/sur e costa/interior, nunha permanente antinomia, serían outros aportes a unha análise tipo DAFO, na que é imprescindible ter moi claras as ameazas e as debilidades, para poder aproveitar as oportunidades e as fortalezas.
Pachi Vázquez está facéndolle un gran favor a Galicia, e de paso a Núñez Feijóo, ao poñer o foco enriba das grandes verdades que a propaganda e a premura por conseguir votos momentáneos fai difícil abordar. Unha man estendida con esta folla de ruta á vista é unha vía para gañar credibilidade e facer algo verdadeiramente trascendente do paso pola vida pública e política.
A resposta a este envite non será doada porque a súa solución merece tanta concentración e tino como un difícil sudoku. Pero aí está, precisamente, o interese da proposta. Sempre será mellor que perder o tempo creando liortas co bilingüismo e dividir a sociedade en bandos irreconciliables, ou privatizar a sanidade pública galega no exterior, ou paralizar a axenda que tiña aberta o país cando se produciu o cambio político: véxase a lei de áreas metropolitanas como exemplo.
O ministro de Fomento pactou coa Presidencia da Xunta o proceso e os prazos para que a Alta Velocidade sexa unha realidade en Galicia. O compromiso dese pacto está a ser rendible para ámbolos dous porque se basea no recoñecemento dun problema e no compromiso das dúas partes para atoparlle solución.
Xa que logo, hai precedentes. Sigan ese método e séntense á mesa da negociación goberno e oposición para fixar unha axenda conxunta nun momento de crise, para que o inmediato non impida ver o permanente e Galicia non teña que lembrar esta lexislatura como a menos proactiva e productiva da historia da nosa Autonomía.