O cumio do clima de Copenhague xa empezou cunha perspectiva incerta sobre as posibilidades de éxito, e tras dúas semanas de negociacións a esperanza que rodeaba á cita non conseguiu callar nun auténtico compromiso mundial contra o arrequecemento do planeta. Pero os líderes mundiais alcanzaron onte pola noite un acordo “significante” aínda que “insuficiente” para combatir o cambio climático.
Os negociadores das potencias buscaron desesperadamente a porta pechada un acordo a base de rebaixar as súas expectativas. Por un lado, os países pobres reclamaban máis axuda en infraestruturas para non volver ser as vítimas dunha orde mundial que eles non estableceron. Por outro, as potencias emerxentes eran reticentes a un control internacional. Así, o principal escollo das negociacións era a creación dun fondo de axuda para que os países en desenvolvemento poidan prepararse para os peores efectos do cambio climático. Non só estaba en discusión a contía económica do fondo e quen serían os doantes, senón especialmente os requisitos de verificación, é dicir, que garantías terían os países en desenvolvemento de que as súas achegas se destinan a bos propósitos.
Pero as conversas lograron a última hora da noite, que EE UU conseguira chegar a un acordo con China, India e Sudáfrica. O acordo obtido non é en si suficiente para loitar contra o cambio climático pero representa un primeiro paso para logralo. Neste senso, o pacto achega un mecanismo para supervisar e verificar os recortes de emisións nos países en desenvolvemento pero fixa uns obxectivos menos ambiciosos do que esperaban inicialmente EE UU e os países europeos. Por outra banda, mantense o obxectivo de limitar o aumento da temperatura terrestre a dous graos. Tamén se inclúe un acordo sobre o financiamento que achegarán os países máis ricos ás economías en vías de desenvolvemento para a súa adaptación ao uso de tecnoloxías limpas.
Ningún dos países participantes está completamente satisfeito co logrado pero o acordo representa, un paso máis que servirá de base para pactos máis substanciais no futuro.
Todas as miradas estaban postas en Estados Unidos e China, os países que, con gran distancia sobre os restantes, máis dióxido de carbono emiten. Todo o mundo esperaba que o presidente Obama, e o primeiro ministro chinés, Wen Jiabao, lograsen desencallar as negociacións do clima con propostas novas, pero os seus discursos de onte pola mañá ante o plenario da conferencia de Copenhague non ofreceron nada novo. Pero, EE UU e China non moveron as súas posturas ata o último momento. O primeiro non ampliou o recorte de emisións xa anunciado e o segundo insistiu en que a ONU non pode auditar as súas emisións.
Nesas estamos, mentres se afasta a cifra máxica da redución do 40% para o 2020, unha previsión científica que máis que nunca é utópica, e máis que nunca necesaria para que o cambio climático sexa só un aviso inquietante e non unha terrible e devastadora realidade.
O acordo alcanzado é vago, pero permitiu vislumbrar a problemática que conleva un asunto que xa niguén dubida que é trascendental para todo o planeta. E ao que é preciso poñerlle freno.