Zapatero recriminou este luns aos presidentes autonómicos do PP por se lavaren as mans –Pilatos redivivos– e non se responsabilizaren na loita contra a crise por puro interese partidista. Falla de lealdade, de madurez institucional, pouca altura política… foron algúns dos comentarios que lle mereceu ao xefe do Executivo español a actitude dos seus colegas nas autonomías gobernadas polo partido popular. Curioso desenlace para o cumio de presidentes que debera ser un órgano de consenso e de encontro no lugar máis acaído de todo o entramado do Estado, o Senado. Se sumamos os orzamentos de tódalas comunidades autónomas acadamos unha cifra tan considerable que resulta esperpéntico que non se teña acometido antes un plan contra a crise e para a creación de emprego que contase tamén con parte deses recursos que aportamos tódolos cidadáns deste país. Non é só o Goberno central quen ten que apostar e innovar con políticas especiais para este momento especial. A descentralización administrativa é tamén política e o principal partido da oposición goberna en territorios abondo como para ter amosado algunha iniciativa que presentar como aporte ante a dificultade que estamos a vivir. Pero non foi así e nin tan sequera son quen de sumarse a un acordo no que se recollen as súas propostas –o que Rajoy chamou o seu “decálogo”– sobre as reformas laborais para presentar en xaneiro aos axentes sociais, a reducción do déficit público, a liberalización dos servizos, o pulo á política industrial ou a modernización da administración. Por certo, tódolos demáis presidentes e o propio Rodríguez Zapatero, as asumiron solidariamente.
É unha actuación que procura debilitar ao Goberno, pero consegue fracturar e fraxilizar ao Estado –por certo chamado ‘das Autonomías’. Triste paradoxo.
Poucos días despois, o PP sumouse a maioría da Cámara que apoiou os plans do Goberno español para o semestre en que teremos a presidencia da Unión Europea. Asuntos claves como reducir os estímulos fiscais, restaurar o equilibrio das contas do Estado para controlar o déficit público da UE antes de 2013, a retirada progresiva dos apoios ao sector financieiro e dos estímulos fiscais para combatir ese déficit –que este ano chegará nada menos que ao 9,5% do PIB–, sumarnos a estratexia europea de crecemento sostible para 2020, e, en suma, decidir co resto de Europa o que estamos dispostos a aportar e as decisións que hai que tomar sabendo que van condicionar o futuro do conxunto das economías comunitarias. Será o momento de coordenar as políticas económicas e financieiras dos vintaesete Estados membros, de afianzar esta incipiente recuperación, de crear emprego, de contar máis cos interlocutores sociais e de seguir facendo as reformas que permitan a Unión Europea ser máis competitiva. O Plan europeo de investigación, desenvolvemento e innovación, xunto co reto do cambio climático –mália Copenhaguen–, o fortalecemento da politica exterior europea, a loita contra a violencia de xénero e o convencemento de que a cidadanía ten que estar no centro das políticas comunitarias, son un esperanzador prontuario propositivo para a presidencia española.
Unha actitude, a do PP e o resto dos partidos políticos do espectro parlamentario español, que eleva o nivel e a dignidade das altas institucións do Estado. Parabéns.