Un dos instrumentos fundamentais co que a Administración autonómica cumpre a obriga do artigo 142 da CE é o coñecido como Fondo de Cooperación Local que actúa como instrumento que garante a participación das entidades locais na recadación dos tributos autonómicos.
A caída inminente nesta fonte de financiamento é compensada na Lei de orzamentos para o ano 2010 co chamado Fondo Extraordinario de Compensación aos concellos.
A cantidade total do Fondo de Cooperación Local decídese cada ano na lei de orzamentos e a determinación da cota concreta que lle corresponde a cada concello galego calcúlase baixo os criterios de “habitantes”, “superficie”, “núcleos de poboación” e “esforzo fiscal” nunhas porcentaxes onde a poboación ten hoxe o 75% da importancia relativa no cálculo.
É polo tanto lóxico que ante a caída na recadación líquida dos impostos autonómicos nos seus capítulos I, II e III segundo as previsións para o exercicio 2010, o Fondo de Cooperación Local caerá tamén nesa mesma porcentaxe o que suporá unha perda nos ingresos das tesourerías locais que andará ao redor do 18% neste concepto. Non esquezamos ademais que este Fondo de Cooperación Local é utilizado polos concellos como unha transferencia non finalista e polo tanto sen unha vinculación prederminada na súa estrutura de gastos, recaendo na maioría dos casos en gastos correntes e de administración ordinaria. Xa que logo este Fondo actúa como alivio nas fortes tensións de liquidez que están sufrindo os xestores locais.
Na lei de orzamentos que estes días acaba de aprobarse no Hórreo inclúese por vez primeira o chamado “Fondo Extraordinario de Compensación” que ascende á cantidade de 18,3 millóns de euros, e que, xunto con outra partida adicional de 6 millóns de euros, suma exactamente a cantidade necesaria para que ningún concello galego perciba en 2010 cantidade menor á percibida en 2009.
Con esta proposta autonómica, consensuada coa Fegamp, evítase a caída inminente nesta fonte de ingresos á que estaban destinados todos os concellos.
Pero ademais deste esforzo orzamentario feito pola Xunta de Galicia, o trazo máis importante do novo Fondo ven sendo a súa natureza non finalista, isto é; a posibilidade de que cunha sinxela solicitude da corporación beneficiada estas novas cantidades se poidan adicar ao financiamento dos gastos correntes no seu 100%; o que na práctica supón a libre dispoñibilidade polo concello do total e segundo as súas necesidades.
De diferente maneira proxecta as axudas a Administración estatal, xa que o chamado Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local só permite adicar un 20% a gastos correntes e, aínda así, non a calquera gasto corrente, senón que terán que ser gastos ordinarios derivados de políticas sociais, educativas ou de dependencia, impedindo así as posibilidades de decisión dos concellos no seu gasto.
O problema de fondo no financiamento local ten a solución máis preto da resposta autonómica, isto é, nunha participación nos tributos estatais e autonómicos, con máis grao de liberdade tributaria que poida despois supor a esixencia dunha responsabilidade fiscal. As subvencións dirixidas non son senón actitudes paternalistas que impiden a maioría de idade das nosas entidades locais.