A semana pasada tiven a sorte de poder asistir a algunhas sesións do Simposio Ecolingua. Nestas en concreto falouse en numerosas ocasións sobre o consenso, o que houbera ao redor da Lei de Normalización Lingüística ata a chegada ao poder do actual goberno, e sobre todo da necesidade indubidable de recuperalo novamente e de escoitar a cidadanía. Isto dicíao, sen ir máis lonxe, o secretario xeral de Política Lingüística, nunha mesa sobre lingua e institucións.
Está claro que no momento actual algo rachou, pero cómpre ver o que é. Se cadra non é o consenso, senón os principios. Empecemos polo asunto de escoitar á cidadanía. Este goberno está claro sen lugar a dúbida, que fai unha escoita moi selectiva. Sen entrar xa no que son opinións maioritarias ou minoritarias (algo que debería estar máis que claro) hai certos grupos que digan o que digan non poden ter lexitimidade democrática nunca. Igual que á xente de Galicia Bilingüe lle molesta o galego, a unha certa porcentaxe de persoas suízas lles molestan os minaretes das mesquitas. Ben, aos grupos skins tamén lles molesta que haxa persoas emigrantes na nosa sociedade e non por iso son interlocutores na política de inmigración. Por moito que digan GB, certos grupos de votantes en Suíza ou os skins, hai valores que están por riba de circunstancias concretas e que invalidan o diálogo e as decisións tomadas coa influencia destes colectivos. Porque a democracia non é o goberno dos máis fortes (na actualidade, en cartos) senón que se fixo para promover unha igualdade entre a cidadanía (algo que molesta a colectivos que por unha razón ou outra, se cren superiores). Porque a declaración dos dereitos humanos non se fixo para quen xa os tiña e abonda xa de que certos colectivos apropien o discurso dos dereitos (da familia a elixir o idioma? da igrexa a decidir se unha muller pode parir ou non?) para manter a súa hexemonía. O que está claro é que aprender galego non vai contra os dereitos de ninguén, máis ben é un agasallo que o sistema educativo lles fai ás crianzas castelán falantes, que saben máis e poden elixir.
Acontece ademais que a opinión da cidadanía, como todo, pode modificarse. Se as instancias que están no poder emiten mensaxes claras de menosprezo cara ao galego (webs en castelán, declaracións obvias de galegofobia, conselleiras/os que nin se molestan en saber galego, recorte en todo o que cheire a galego...) daquelas asistimos a un exercicio de irresponsabilidade fonda por parte do goberno que amosa a actitude que precisamente calquera institución que defende a normalización lingüística busca transformar. Ou debería. E a Xunta debe, por obriga estatutaria.
Por iso os consensos en certas cousas son imposibles e mesmo indesexables. Porque mesmo se unha maioría vota, mesmo se uns representantes políticos deciden prohibir construír minaretes a decisión non deixa de ser ilexítima. Por iso fai falta máis que nunca a cidadanía, que é algo que construímos cada día e algo que o actual goberno busca destruír dando espazo só aos discursos reaccionarios, botándonos á beiravía para que non nos escoiten máis que por unha voz pequeniña. Mais desa voz pequeniña, faremos altofalantes, construiremos os nosos minaretes que demostran que só dende a xustiza se pode comezar a construír calquera consenso.