Jueves, 18 de marzo de 2010 - 9:00 h
Xavier Vence Deza
Catedrático de Economía
10-01-2010 20:55

Un inesperado paso adiante, e agora que?

3 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 37 voto/s

A aprobación por maioría no Parlamento de Galicia da reforma da lei de caixas, sobre a base dunha proposición de lei do BNG, constitúe un feito relevante nesta lexislatura. Realmente é a iniciativa máis importante aprobada polo Parlamento en 2009 e para o BNG debe ser motivo de satisfacción ver reflectido un apartado importante do seu programa electoral cando, paradoxalmente, non foi quen de efectivizalo antes por causa dos socios do bipartito.

O acontecido desde a presentación da iniciativa até a súa aprobación non admite unha interpretación simple e unívoca. Máis ben parece unha azarenta combinación de lóxicas dispares. A sorpresiva admisión a trámite por un PP que, tanto por ideoloxía neoliberal como por rampante neocentralismo, está nas antípodas do espírito da iniciativa do BNG, resultaba difícil de imaxinar tan só tres meses atrás e menos aínda que acabase votando unha lei como a que saíu.

Desconcertante é a peripecia dun PSOE collido a contrapé por esa viravolta do PP, que aceptou a contrapelo a tramitación da lei por vía de urxencia para descolgarse logo do consenso cun argumentario colateral e pouco críbel, apelando á autoridade do Banco de España. Como interpretar os movementos do PP e do PSOE neste asunto? Poderiamos aventurar diferentes hipóteses –ningunha moi edificante– cuxa exposición polo miúdo requiriría máis espazo. A súa verificación posiblemente non sexa inmediata e, ademais, verase enleada por moitos acontecementos e batallas intermedias. O que si sabemos é que PP e PSOE central comparten un plan común que cristaliza no FROB e na estratexia do Banco de España.

Nada permite evidenciar que as dúas sucursais galegas estean na máis mínima contradición coas respectivas direccións centrais. Antes ao contrario, desde Galicia percíbese unha preocupante sintonía. Dado que as diferenzas non parecen estar no modelo cara o que queren camiñar (concentración de caixas sobre base interterritorial e progresiva bancarización) hai que concluír que todo o xogo se reduce a movementos en curto para posicionarse con vantaxe dentro do organigrama de poder das caixas; é dicir, liortas polo reparto do poder financeiro das caixas nun escenario no que o mapa e o carácter destas tratan de mudar ámbolos dous.

Todo apunta a que nos atopamos nunha fase intermedia dun proceso máis longo no que cada un quere reforzar posicións para chegar con maior fortaleza ao reparto final. Nese sentido, a lei de caixas de Galicia sería para os dous partidos, non un instrumento de redefinición do rol das caixas na economía galega, senón un mero instrumento na batalla –sinuosa– polo reparto do poder.

Que esa sexa a lóxica que se impoña en todo este asunto depende en boa medida deles pero non só deles; o papel da sociedade civil, do empresariado, dos sindicatos e doutros partidos que, como o BNG, non actúan nesa clave, pode ser moi importante. Poden mesmo chegar a impedila se son quen de erguer un discurso e unhas alianzas que impoñan un alto custe político aos que pretenden desmontar o sistema de caixas vencelladas ao territorio.

Outra cousa é que eses outros axentes teñan a información e a perspicacia necesarias para romper a estratexia dos dous grandes partidos españois.

Como facelo? As patas centrais dunha alianza que defenda a preservación dun sistema galego de caixas deberían ser o empresariado e os sindicatos. Neste asunto os intereses reais e obxectivos son plenamente coincidentes, mellor dito, complementarios. O único factor que dificulta esa alianza son os cruces de obediencias políticas e/ou disciplinarias. No tema financeiro, tanto empresarios como sindicatos comparten o interese vital na vinculación forte das caixas coa economía produtiva da súa contorna; mesmo os traballadores da banca están particularmente interesados no que poida significar de preservación de postos de traballo no presente e no futuro.

Politicamente, o nacionalismo é o máis claramente interesado nesa estratexia. Para liderar esa resposta o BNG debería facer un balance do camiño andado e examinar con lupa os pasos torcidos dos adversarios do sistema galego de caixas. Non ten ningún interese facerse cómplice da división que a estratexia do PP, PSOE e algún grupo mediático introducen no país e, en particular, no empresariado e en boa parte da cidadanía. Non pode ser unha estratexia de país aquela que obxectivamente abre unha fenda.

Por iso, o debate da fusión, de calquera fusión, debilita a defensa estratéxica dos intereses do país nesta materia. Sería triste que os intereses egoístas dalgún poderoso grupo mediático, máis preocupado por salvar as súas contas a través dun trato privilexiado que, de paso, asfixie á competencia, dictase unha estratexia fusionista que divide ao país e debilita as forzas para defender as nosas caixas.

A tarefa agora, unha vez aprobada unha lei que dá resortes legais ao poder autonómico para orientar a política crediticia e a obra social das caixas e blinda indubitablemente a competencia galega sobre elas, debería centrarse en aglutinar todas as forzas sociais interesadas obxectivamente na preservación dese sistema galego de caixas. Cuxo principal valor e lexitimación reside xustamente na proximidade e o compromiso local. Para conseguilo debería sumar e acompañar todas as forzas que desde o principio se opoñen á remodelación en clave española do mapa de caixas, evitando que a división se encirre aínda máis e poida impedir unha sólida alianza nos lances que, sen dúbida, virán.

A fusión non é unha solución aos problemas da crise senón máis ben unha opción camiño dun modelo máis neoliberal. Por iso, impoñer unha fusión galega non será de verdade ningún parapeto se a decisión política está en mans dos partidos estatais que teñen a estratexia antedita e se a sociedade quedou debilitada e derrotada por unha batalla fraticida previa.

O verdadeiro parapeto, o único, é a sociedade civil. Se contribiumos a dividila deixándonos encerellar por un xogo en curto será moi difícil reunificala cando se produza o asalto definitivo.

Polo tanto, cos argumentos económicos da superior eficacia social dun sistema de dúas caixas en vez dunha única –que nestas páxinas teño reiterado e que o modelo alemán refrenda–, cos resortes da nova lei, coa conciencia cidadán de que as caixas son algo seu e sabendo que, en caso de necesidade, existen vías alternativas para atallar eventuais problemas de solvencia temporais dalgunha caixa, todo fai pensar que estamos en condicións de emprender unha batalla pola preservación das nosas dúas caixas. Coa esperanza de que coa nova lei poden estar aínda máis decididamente ao servizo do país.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
Non te enteras contreras
Carlos
2010-01-10 17:06:56
Este Vence non se entera da milonga. Nesta semana o Banco de España deulle un prazo ás caixas de Castela-León para que se fusionaran. Se se fusionan hai préstamos se non, nada. Non cabe dúbida de que esta lei de caixas que propiciou o BNG é unha gran paso, pero non sirve de nada se o Banco de España non dá os cartos que Caixa Galicia e Caixa Nova necesitan. Curiosamente, estas, no canto de unírense entre elas buscan alianzas fóra para ter acceso as eses empréstitos.
2
cheira ao de sempre
eu
2010-01-02 19:25:40
As leis que fixo o PP non foron senón PPapparruchas que na maioria dos casos só serviron para piorar as cousas: universidades, portos, encoros, agricultura, educación... Tal vez o BNG o fixo con boa intención, mas a práctica, se a leva a cabo o PP vai ser umha auténtica M_rda, como xa estamos acostumados....
3
¿a que me suena?
Xulio
2009-12-31 01:25:53
Por lo que se indica en el texto, la mejor solución para el futuro sería una fusión virtual de las cajas gallegas, que manteniendo su independencia, se comprometieran a apoyarse ante situaciones de falta de solvencia, es decir una SIP, ¿a qué y a quién me suena esto?

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.
publicidad
Publicidad Best Sellers