É memorable a entrevista que lle fixo a Feijóo o excelente e imparcial profesional chamado Jiménez Losantos desde a emisora da que pouco despois sería expulsado pola mesmísima Conferencia Espiscopal. O desbarrador profesional dixo moi clariño ao recente presidente da Xunta o que a dereita máis cerril esperaba del: que puxese o galego no sitio, é dicir, no patio traseiro, no posto de segundón que lle corresponde como lingua menor e para baixarlle os fumes, que xa tiñan subido moito máis do que, pola súa condición, podería ter soñado algunha vez.
E o novo presidente asentiu, sumiso, a todos os exabruptos e barbaridades que se lle dixeron, publicamente nas ondas, sen sentirse primeiro de Galicia e logo do PP (liña extrema dereita), senón máis ben ao revés. Supoño que cando se escoitou desde aquí, sentiu un algo de vergonza. E mentres tanto, houbo de todo en estos meses. Agresións contra Gloria Lago, líder de Galicia Bilingüe, rexeitables e rexeitadas; manifestacións moi numerosas contra a política do Goberno; encontros de expertos internacionais organizados por GB para concluír que o galego é unha lingua menor; artigos en prensa e auténticas campañas a prol de volver á situación anterior... e, finalmente, a revisión do decreto que regula o uso do galego, que prometía ser feroz e que quedou nun intento, xogando ao despiste co inglés como terceira lingua e como coartada para facer unha nova norma.
Os seus apoios incondicionais de Galicia Bilingüe están que trinan. No outro lado, desde o BNG, anúncianse grandes mobilizacións. Pero dá a impresión de que non foi tan fero o león como se agardaba e que hai un punto de recapacitación na decisión tomada. Que aconteceu para que eso fose así é algo que saberemos co paso do tempo. O que non vai cambiar é a importancia que ten o galego, se poña como se poña o goberno de turno: lingua de comunicación e de socialización, patrimonio cultural, etnográfico, sentimental e recurso económico cada día máis importante e con máis futuro.
Hai anos era doado escoitar agoiros tremebundos que prognosticaban a súa inutilidade e daban un prazo fixo para o fin do galego. Agora sabemos que o ensino en galego abriu un enorme campo editorial, que o cine, o audiovisual, os medios de comunicación, a música, a literatura, a investigación, teñen no galego un instrumento fermoso, preciso, intelixible en todo o mundo lusófono, e que nel se producen obras grandes, medianas e pequenas, como debe ser.
Se cadra, porque unha xa vai maior e tende a contar batallas, velaí vai unha anécdota que vivín persoalmente cun grande escritor ao que moito admiro, Álvaro Cunqueiro. Pregunteille nunha ocasión por que era tan difícil que se escribise unha novela longa en galego. El, que publicaba indistintamente nunha e noutra lingua, respondeu que para que houbese cimeiras en calquera cultura, primeiro tiña que haber moitísimas medianías e mesmo mediocridades, porque só cando hai caldo de cultivo extenso aparecen figuras sobranceiras. O tempo deulle a razón e as mil primaveras máis para a lingua galega que prognósticou –e foron o seu epitafio– seguerán a chegar pese a quen lle pese.