Agora que o Nadal está chegando á súa fin podemos facer un reconto dos anuncios, actos e eventos que utilizaron o nome da solidariedade para algún fin moitas veces non exactamente claro. O contraste entre o silencio de todo o ano ao redor do traballo das organizacións “solidarias” e esta sobredose non deixa de provocarme estupefacción, case tanta como a combinación incomprensible de consumismo e caridade. Claro que as dúas cousas me producen o mesmo tipo de alerxia porque no fondo entendo que teñen o mesmo efecto anestesiante, o de evitar que pensemos.
Un fenómeno especial, ademais, deste período, é a aparición de rostros coñecidos en diversos actos, que pretenden coa súa mellor intención apoiar causas da máis diversa índole e non é ningún misterio que en xeral as e os artistas adoitan colaborar de forma desinteresada con moitas causas, por un interese humano e de xenerosidade, que cómpre sempre gabar.
Mais hai algunhas persoas, algúns deses rostros e voces, que moi lonxe de ser só a cara bonita de algún anuncio ou evento, continúan no día a día o traballo de persoas comprometidas, xa cando apagaron as luces, cando rematou o espectáculo. Porque as xentes do mundo da cultura ou do espectáculo son tamén cidadás e cidadáns, se cadra cunha sombra máis grande que o resto, cunha maior capacidade de incidencia (e se cadra por iso cunha maior responsabilidade), e isto é algo que en Galicia temos moi claro no compromiso irrenunciable de moitas delas co idioma. Aquí dáse seguido o salto da superficie ao fondo.
Para as persoas que traballamos en causas “solidarias” o ano enteiro é nesa escuridade de despois do espectáculo cando máis se precisa a súa luz, é nese fondo do traballo diario onde a creatividade, a xenerosidade e a visibilidade das xentes do mundo da cultura e o espectáculo nos proporcionan espazos abertos onde respirar. Despois de cinco anos consecutivos organizando o IMPLÍCATE, Noite de música e palabra solidaria, en Implicadas no Desenvolvemento podemos mirar atrás coa satisfacción de saber que moitas persoas ofrecen a súa creatividade xa non nunha noite marabillosa, senón moito tempo despois. Que esa solidariedade dá froito en proxectos vitais para nós como o libro de poetas galegas e támiles Vanakkam-Benvidas, que nos axudou a abrir portas e mentes cunha ferramenta tan poderosa como a poesía. Ou a colaboración entre grupos de danza contemporánea galegos e a compañía etíope Adugna, que trouxo unha imaxe diferente de Etiopía á nosa sociedade, algo fundamental para rachar coa pobreza, que sobre todo comeza na nosa maneira de pensar sobre as outras e os outros que viven no Sur. Se cadra ese salto da superficie ao fondo tamén ten que ver con algo que comentaba o ano pasado Luís Tosar: a participación. A participación pasa primeiro por coñecer a filosofía, o traballo e os principios da organización e logo contar cun espazo para facer propostas. As relacións entre ONGs e artistas adoitan ser nunha única dirección, o IMPLÍCATE busca ir nos dous sentidos. Por iso o IMPLÍCATE é moito máis ca unha noite. É moito máis ca o traballo intenso de persoas, como Yolanda Castaño ou Celso Parada, que dende que remata o do ano anterior traballan a reo para o seguinte. É un altofalante potente que se fai das voces de todas as e os artistas que comparten con nós cada ano, cada mes e cada día a partir de entón.. Iso é fundamental para Implicadas. Porque a fin de contas, como persoas coñecidas ou como persoas anónimas, o máis importante é estar aí os 365 días do ano. Tamén, claro está, este domingo 10 no Teatro Principal.