Logo de tanto tirar cartos nas festas de Nadal, ao fin chegamos un ano máis á cordura das rebaixas. Pasou o temporal das compras obrigadas polos agasallos de rigor e chegamos ao momento da lóxica, do fondo de armario, das compras con miras á seguinte tempada, ou incluso de concedernos ese capricho que xa alcanzou un prezo razoable. Certo é, non perdamos a perspectiva, que para un sector da poboación, o dos compradores compulsivos, seguimos en tempada de alto risco. A eles unha recomendación: vixilen a Visa que é moi traizoeira.
Xaneiro ten mala sona. Caracterízase para moitos polo empinado da súa costa. Pola contra, eu son das que penso que é das mellores épocas para gastar. Todo apunta a que en 2010, superar o primeiro mes do ano será, en termos económicos, un atranco de nivel. A cousa está peluda, e aínda o vai estar máis. As cifras do paro seguen a subir; os subsidios esgótanse; os expedientes de regulación de emprego gañan adeptos entre un empresariado afogado por unha crise tendente ao infinito e da que non ven saída; e as perspectivas de que a economía repunte e o traballo volva ao rego non son moitas a curto prazo. O que sube é o nivel de aforro. Gardamos para as vacas fracas. Aínda que aprendimos tarde.
Pero como lles digo, a min xaneiro, préstame. Fálalles unha María Gangas confesa que presume delo aló onde vai. Mentres outros gábanse de se ter feito co móbil máis caro do mercado, eu teño por costume percorrer as tendas coa fin de non pagar un peso máis por nada, dende electrónica, a mobles, zapatos, téxtil ou alimentación. Aos namorados das gangas consideráronnos cutres durante anos. Agora a maioría da xente preguntache: “Onde dis que mercache esas botas?”
Corren tempos de crise e a destreza para descobrer tesouros nos outlet, e dar con tendas de barrio que agochan tesouros a bo prezo convértese en virtude. Teño para min que non ha faltar moito para que principie a considerarse coma profesión facendo da necesidade virtude, como pasou cos personal shoppers que facían as compras por vez dos tipos ricos. Seguramente unha web ou un foro on line, que se fixeran eco das mellores gangas tería un tirón considerable de visitas e unha elevada interactuación dos internautas.
Comerciantes e consumidores teñen postas moitas esperanzas nestas rebaixas que principian hoxe para os galegos. Os primeiros agardan salvar a tempada de inverno sen tanta perda, e os segundos confiamos en que os descontos fagan que a crise sexa máis doada de levar. Os mellores Reis Magos foron os que nos deixaron cartos nun sobre debaixo do árbore de Nadal.
O orzamento para as rebaixas vai según parroquias. Cada quen ten os seus costumes, pero todos picamos nalgunha ganga. As asociacións de comerciantes din que imos gastar menos ca outros anos. Seica o gasto medio baixará un 10%. As cifras falan un desembolso de pouco menos de 100 euros por cabeza, unha cantidade que valerá para alegrar algo os números do consumo.
Prevese que os recortes nos prezos sexan considerables dende o arranque das rebaixas. Disque moitas tendas teñen previsto poñer o seu stock a metade de prezo. É a teoría de, entre outros, Miguel Ángel Fraile, secretario general da Confederación Española de Comercio (CEC), quen confía ademais en que a facturación do pequeno comercio chegue a igualar as cantidades do ano pasado. Ao menos, non se recúa.
Nesta liturxia anual de tempo de rebaixas, as asociacións de consumidores advírtenos dos posibles fraudes que xorden a modo de que saldos, falsos descontos, manipulacións do etiquetado, negativas de devolucións, e outros tipos de enganos que non son masivos, pero que, como as meigas... habelos... hainos. Anden con ollo diante dos falsos choios, e fagan un precorrido de recoñecemento libreta en man antes de decidir que levan para casa, pero, desfruten do feito de que, en tempos de crise, aínda nos quedan as rebaixas. Eu adoezo por elas. Así que, merquemos ou non, vémonos nas tendas!