O Tribunal Constitucional está a piques de dar a coñecer a sentenza sobre o Estatut de Cataluña pola denuncia que fixo hai tres anos o Partido Popular. Os populares centraron o seu labor opositor na anterior lexislatura sobre dous asuntos que teñen que ver coas reivindacións nacionalistas vasca e catalana, no primeiro caso rachando o consenso institucional e político en relación co terrorismo de ETA, e no segundo demonizando a Cataluña e aos seus afáns de ampliación do seu marco autonómico. O PP sabía que non tiña ningunha esperanza de conquistar maiores grorias políticas na franxa noreste da península e tal vez por iso, ademais da inédita campaña de desprestixio que liderou fronte a todo o que cheirase a catalanismo ou simplemente a catalán, deixou ben claro que lle sirve unha España sen Cataluña, facendo un alarde separatista en sentido inverso.
Na outra banda vemos a actuación de dous presidentes socialistas que lideraron ou lideran gobernos de coalición con forzas nacionalistas e de esquerdas, e que con dous perfís tan antagónicos como Maragall e Montilla, coincidiron na visión dun país que aspira a maior grado de autonomía e mesmo, como algún día dixo Pujol desde unha CIU máis comedida, ou reivindica sen eufemismos Esquerra Republicana, transitando a senda da independencia. Este camiño leva moitos anos de percorrido e un lixeiro repaso a historia dos sucesivos estatuts nos fala dun impulso moi arraizado naquela terra, menos escandalosa nas formas pero, se cadra, máis teimuda no afán, respecto de Euskadi. Pero a España que non ten autonomías de primeira –con Madrid a cabeza– dificilmente o entende e moito menos, o acepta. O Estado autonómico deixou zanxas abertas que se ensanchan sen remedio mentres medran o desacordo e o desleixo na medida en que sexa cada día máis difícil que unha rapaza de Burgos se interese por ler unha novela en euskera, galego ou catalán ca por outra escrita en inglés.
No caso de que a sentenza do TC contradiga a decisión maioritaria e soberana dos parlamentos catalán e español e máis aos referendos que ratificaron o texto agora contestado, o sentido e a cordura deberán imperar e non abordar esta situación de xeito curtopracista ou con visión conxuntural.
Pero tamén o Partido Popular debería modular os seus odios e medir mellor os tempos.
O seu presidente, Mariano Rajoy Brey, é neto de Enrique Rajoy Leloup, concelleiro de Santiago na República, galeguista, defensor acérrimo de que Galicia tivese unha autonomía equiparable á de Cataluña. Foi redactor do Estatuto do 36, amigo de Bóveda, represaliado polo franquismo, e tivo o valor de agachar na súa casa as once caixas onde se gardaban os papeis orixinais do primeiro estuto galego. Rajoy Leloup dicía que “quen non ten libertade para gobernar a súa propia casa e rexer os seus propios intereses, sexa pobo, sexa persoa humana, ou é un escravo ou é un incapaz que precisa tutela”. Daquela, non se entende ben, a non ser que acudamos a algunha resposta psicoanalítica, a xenreira que aniña no corazón do líder da dereita española.