O presidente da Comisión de Saúde do Consello de Europa, o epidemiólogo alemán Wolfgang Wodarg acusa ás multinacionais farmacéuticas, a OMS e os gobernos dos países e pide que se investigue o seu papel na epidemia de pánico desatada no mundo co gallo da famosa gripe A. Cómpre agardar que bote luz sobre unha historia que semella ter moitas sombras pero, sobre todo, sería bon que sentara un precedente. Para os que somos profanos na materia pero si puidemos ler xa meses atrás opinións dos médicos e as institucións médicas independentes resultaba rechamante o pánico sementado desde principios do verán co asunto do gripe A –gripe porcina orixinada nos Estados Unidos aló polo ano 1976.
Da man dos expertos e do colexio de médicos sabiamos por volta do mes de setembro que a gripe A “é máis leve que a gripe estacional, sabémolo xa cos datos do hemisferio sur (Nova Zelanda, Australia, etc). Alí a pandemia está desaparecendo”. Máis aínda, dado que a gripe A desplaza este ano á habitual resulta que “hai razóns empíricas para agardar unha gripe suave este ano, sen maiores problemas”.
Fronte a iso a OMS e os medios seguian –e seguen– alarmando sobre o avance irrefrenable dunha pandemia de proporcións inusitadas. Os gobernos de medio mundo lanzaronse a unha compra de vacinas, mesmo pensando en dobles vacinas, con facturas millonarias con cargo aos orzamentos públicos. Mesmo aceptando, polo que agora transcende, vacinas como as de Novartis producidas sobre células cancerosas para aumentar o ritmo de fabricación.
Situados a mediados do inverno os datos parecen darlle a razón aos expertos independentes e os colexios médicos. Nunca houbo unha gripe tan benigna e con tan baixa morbilidade de xeito que nesta altura o que resulta alarmante non é a gripe A senón a sensación de que a sociedade e os gobernantes parecen estar inermes fronte a certos poderes que teñen a capacidade e os altofalantes necesarios para meter o medo no corpo a todo o planeta. E isto chove sobre mollado de anteriores ameazas de pandemias que tamén quedaron en nada.
Todo isto cria unha grave sensación de vulnerabilidade que se acrecenta cando pensamos na posibilidade de que a presión da conta de resultados active comportamentos perversos por parte dese reducido número de grandes corporacións farmacéuticas que teñen nas súas mans as cepas de todo tipo de microorganismos. Máxime cando as marxes de beneficio se estreitan e as principais patentes que as sostiñan están a punto de caducar, como está a ocorrer nestes anos. E o problema non está nunha eventual guerra biolóxica de “grupos terroristas” senón no corazón dos templos do negocio das grandes corporacións.
Por iso é momento de reclamar das autoridades a superación desa confianza cega na autoregulación, nos códigos éticos e nas comisións técnicas controladas polo sector e trufadas de intereses. Cómpre introducir de protocolos de seguridade máis severos e controis directos por autoridades gubernamentais realmente alleas ao sector.
A lección seria é que con isto xa temos catro grandes sectores oligopolísticos vaciando as arcas públicas de todo o mundo a costa do catastrofismo ben administrado: as farmacéuticas sumanse así ao desbalde realizado polo sector financeiro, o automobilístico e o chamado sector de defensa (a conta do conto do terrorismo global). En definitiva, o peor non está nos virus e bacterias que andan soltas polo mundo adiante senón na enfermidade instalada no corazón mesmo da sociedade actual: a supeditación de todo á lóxica do beneficio dunhas corporacións para as que ningunha regra ética pode refrenala.