Dende o agasallo de fin de ano do noso actual Goberno autonómico en forma de bases (inamovibles, polo que semella) do chamado Decreto (contra) do galego, a tinta corre, e non é para menos. Como están demostrando todas e cada unha das opinións de institucións, asociacións e persoas implicadas, para calquera que teña un mínimo de intelixencia, non sexa fascista radical ou mentireiro con cargo está claro que aprobar un decreto con estas bases suporía un retroceso sen precedentes para o galego no sentido máis amplo da palabra, mírese por onde se mire. Alén de porcentaxes e outras análises agudas xa feitas, interésame centrarme na gravidade do uso da crispación social como estratexia de Goberno, algo no que o Partido Popular a nivel estatal xa demostrou ser experto ata puntos vergoñentos. Agora pretende trasladar tal “estratexia” a un dos entornos máis sensibles de calquera sociedade, o educativo. Porque todas as persoas pasamos por el, como alumnado, como familias, como profesorado. É neste eido onde se dá unha convivencia social máis estreita, onde se complementa, e moitas veces se busca corrixir acorde aos valores igualitarios, a transmisión de valores que se dá nas familias. A escola ten un número ilimitado de responsabilidades e dentro dela hai persoas moi comprometidas (coa lingua e con moitas outras cousas) e traballadoras e outras que non tanto. Teño para min con convencemento que parte dos “problemas” co decreto vixente (véxase de onde proveñen Gloria Lago & Co) teñen moito que ver coa comodidade de quen non quere facer o esforzo de impartir clases en galego porque ten que aprender e dominar mellor a lingua, algo que na miña terra se denomina ser lacazán/a. Calquera docente cun mínimo de profesionalidade sabe que precisamente no ensino hai que estar en posición de aprender cousas novas, mellorar os contidos e buscar a calidade, porque diso dependen as sociedades.
E precisamente os colectivos de docentes e asociacións pedagóxicas que logo terán que roer o decreto cando se aplique, foron as grandes excluídas á hora de establecer as “bases”, e non é de estrañar porque nestas semanas xa comprobamos que todas as opinións están en contra. Precisamente porque a crispación social é o contrario da boa docencia. Esta precisa dun marco estable que garanta o exercicio dos dereitos e non dos privilexios de maiorías ou de docentes con preguiza. O discurso do dereito a elixir a lingua do ensino falla porque hai dereitos que non son individuais senón colectivos, o da lingua é un deles. Ou acaso agora un docente racista pode decidir que non quere dar clase a unha nena xitana? Ou unha docente homófoba a un alumno gai? Xa bastantes exclusións existen socialmente ante certos colectivos, non menos cara aos galegofalantes, para aínda por riba rachar co marco que garante unha mínima igualdade no acceso ao coñecemento. Ao coñecemento e a outros valores, como a percepción social da lingua, que con estas bases segue construíndose como un problema e non como unha riqueza e, si, como un dereito. A nosa perda de falantes vén sobre todo por aí e calquera goberno ou servizo de normalización lingüística debera comezar a traballar esta cuestión antes ca ningunha outra cousa. Provocar batalla social non camiña nesa liña, vai máis naquela que defende que as guerras sempre son útiles para os que están no poder. Mais as veces a estratexia sae mal, convértese nun Vietnam que se desexa non ter empezado. Eu confío en que este vai ser o noso caso. De nós depende darlle a volta, pedir contra a crispación, educación. Da de verdade, aquela que fai persoas que valoran a igualdade e a xustiza, o propio para valorar o alleo.