Pechou a porta. Como todos os días o barullo fíxolle suspirar. Soltou os libros enriba da mesa, caeron desordenadamente mais non lle importou.
- “Veña! Xa chega. Imos comezar”.
A orde emitida cun sobre esforzo da voz tivo un efecto case inmediato e cada un foise sentando. Dun xeito case mecánico comezaron a abrir carpetas e sacar folios. Con esa mirada clara daqueles que teñen todo por diante olláronna de fite. Xa facía tempo que eses ollos non lle semellaban alfiletes e que cada vez os sentía parte do cotiá.
- “Hoxe comezaremos coa primeira lección do saber, co primeiro que temos que facer se queremos aprender, se queremos abrirnos ao mundo para coñecelo. Coa primeira lección se queremos ser verdadeiramente cosmopolitas” .
Tanta indiferenza nas miradas fíxolle pensar que empregara demasiadas esdrúxulas seguidas. Porén, notou certa inquedanza no ambiente e continuou falando. Trouxo ao aquí e agora paisaxes afastadas, historias de cidades diferentes, de relixións sen dogmas, do agromar de dereitos, de personaxes que incluso a ela lle parecían de ficción. Facendo un bucle no seu pensamento voltou ao principio.
- “Que? Cal credes que é a primeira lección logo?”
Ese silencio cómplice das preguntas que saben que agardan pola súa propia resposta xa nin tan sequera a inquietaba.
- “Coñécete a ti mesmo. Agora que as mulleres conseguimos tamén recoñecemento para o logos feminino tamén podemos dicir coñécete a ti mesma, engadiu”.
Non agardaba unha grande sorpresa, comentáronlle que iso xa o dicían en Matrix. Semelloulle que podía seguir con esa metáfora e falou de oráculos, filósofos, actores e filmes. De súpeto sentiu o movemento que o timbre precipitaba e quixo deixar claro:
- “Lembrade sempre que isto que semella tan simple encerra a maior das dificultades. Quitarse complexos e prexuízos non é fácil, xa veredes”.
Pensou que poucos a escoitaran. Recolleu os libros que non empregara. Que título máis bonito este de Paideia, pensou, e así enmarañada nos seus pensamentos entrou na ateigada Praza do Obradoiro. Sentía máis forte ca nunca as voces de tantos compañeiros e compañeiras, escoitaba a súa dignidade pulando pola educación como un valor, pola educación como coñecemento. E cantos ollos con todo por ver!
Mozos e mozas tan contentos e sen complexos! Pareceulle que nunca se sentira tan universal. Ela que sempre defendera a importancia de coñecer o propio para poder entender as múltiples dimensións que os libros desvelan. Esta claro que non pode existir ensimesmamento en comezar polo principio, o erro igual reside en considerar que o único camiño válido é o que outros fan.
Sentíase tranquila, percorrera xa moitos días e moitas páxinas e non tiña présa. Sentíase unha muller galega. Cando lle preguntaban a que se adicaba decidira contestar simplemente: “fago cultura galega explicando a Sócrates”. E cando con certo retintín lle preguntaban se o facía en galego adoitaba dicir: “Si, o grego antigo déixoo para cando teño un ataque de complexo e ensimesmamento”. Parabéns a todas e todos.