CORAXE. A principal vítima da obsesión supersticiosa coa que desde a Xunta se afrontan a cuestión da lingua no ensino e a fusión das caixas somos a propia cidadanía de Galicia. A Xunta aplica a metodoloxía de que unha mentira repetida moitas veces se converte en verdade imposta.
É mentira que sexa máis democrático que os pais decidan a lingua vehicular dos fillos na escola. É mentira tamén que sexa legal.
É mentira que sexa posible, agora ou nunca, que o galego, o inglés e o castelán sexan operativos no mesmo nivel de introdución desde o comezo do sistema escolar. Tampouco é legal impoñer como lingua vehicular da escola unha lingua non oficial no territorio.
É unha grande verdade, que manifesta o informe da RAG, que tratar igual a tres linguas desiguais é un acto de desigualdade. A pedagoxía de toda aprendizaxe de linguas contempla o criterio da progresividade.
E, sobre todo, non é crible esta “sobrevenida” inquedanza polo inglés por parte da Xunta, cando se parte do obxectivo de atacar o galego a conta dunha presunta imposición, e non se coñece ningún caso ou situación en Galicia de risco ou diminución da competencia en castelán.
No que afectas ás caixas, é unha temeridade afirmar que as dúas caixas galegas necesiten un FROB, que é un préstamo ben caro. É outra mentira que un SIP signifique necesariamente a deslocalización do centro de decisión das caixas actuais.
Non hai nada que preserve tanto a independencia de xestión na economía de mercado como a continuidade da propiedade e identidade das marcas orixinarias nos seus ámbitos de orixe. Non dá igual para Galicia que a obra social das caixas actuais se minore en dous terzos.
E, sobre todo, non é coherente que galeguidade financeira se pretenda sinónimo de menor rendibilidade económica e social, nin é crible que a Xunta (e o periódico) que veñen de cargarse o concurso eólico invoquen agora esa galeguidade.
Iso, xunto o localismo enfermizo de seguir interpretando como locais, dúas institucións que hai ben anos que se xestionan como galegas, configuran a barreira irracional para afrontar con serenidade civil este debate.
Aínda ben que, cando menos, na resposta social ao borrador de decreto lingüístico hai tanta efervescencia e mobilización que o que Anxo Lourenzo, no Simposium Ecolingua do pasado decembro, calificaba de “indiferencia” social polo galego queda desmentido na realidade.
MELANCOLÍA. Con todo, hai algo aínda máis perverso que evidencian os xestores destas dúas supersticións: non teñen nin idea de como funciona un centro de ensino nin coñecen a vertixe diaria de empresarios e autónomos que día a día afrontan a falta de liquidez para manter a súa actividade. l