Despois de que Xornal de Galicia publicara que un xulgado de Compostela está investigando unha presunta trama pola que persoal da Xunta se puido ter aproveitado de restauracións de patrimonio cultural da Igrexa para obter beneficios económicos, a consellería que dirixe Roberto Varela apartou dos procesos de contratacións aos empregados públicos implicados. Esta medida “prudente” –en palabras do propio conselleiro– resultaba dunha necesidade indiscutible debido á gravidade dos supostos delitos imputados a persoal da Administración.
No caso hai doce imputados –entre membros da Administración e representantes eclesiásticos– por tráfico de influencias e suborno. Entre eles atópase o restaurador Carlos Gómez-Gil Aizpurua, entón na Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais ou o arquitecto da S.A. de Xestión do Xacobeo José Manuel Pichel. Tamén está implicado o obispo de Tui-Vigo, José Diéguez, pero as dilixencias alcanzan as dioceses de Santiago e Ourense, e a máis técnicos do Goberno galego.
A instrución do caso comezou a través dunha denuncia da Consellería de Cultura á Fiscalía na etapa do bipartito, a raíz dunhas dilixencias informativas abertas para a apertura dun expediente disciplinario contra o arquitecto José Manuel Pichel. O membro da S. A. De Xestión do Xacobeo tamén está imputado como posible cooperador, despois de que o Ministerio Fiscal vise indicios de delito por suborno e tráfico de influencias e o transmitise aos xulgados, que abriron as pertinentes dilixencias penais.
Na presunta trama, ademais do diñeiro que recibían os traballadores a través de certas empresas a cambio de informes favorables de Patrimonio para realizar restauracións, o persoal da Xunta concedeu tamén subvencións con diñeiro público para o seu propio beneficio.
Como era de esperar dunha administración pública, a Consellería de Cultura, tanto na etapa do bipartito como co actual Goberno, tivo que colaborar na instrución do caso aportando datos e documentación ao respecto. Pero, chegado o momento tamén poder ser necesario tomar medidas disciplinarias entre o persoal implicado na trama. Baixo ningún concepto os empregados da administración poden utilizar os seus postos de traballo en beneficio propio, xa que están ao servizo dunha administración que financian os cidadáns a través dos impostos. Ademais, semella necesario establecer un sistema que garantice que os fondos públicos se destinan correctamente aos seus fins.
Do mesmo xeito, a implicación de varias dioceses galegas pon en evidencia a necesidade de que a cúpula da Igrexa tome as medidas oportunas. Tamén cómpre ter moi en conta todas as aportacións que fan os cidadáns á Igrexa, tanto a través da declaración do IRPF, como a través das aportacións económicas que fan algunhas comunidades para o mantementeo e restauración de igrexas.
A Igrexa ten numerosos templos, monumentos, obxectos e utensilios, pezas pictóricas e escultóricas, así como fondos bibliográficos e documentais. Este conxunto de bens forma parte do patrimonio histórico, artístico e documental e ten un evidente interese cultural, polo que a súa conservación é importante. Pero por riba da súa conservación debe estar a legalidade.