Continúa a sangría do paro en España. O número de desempregados volveu a subir nos últimos tres meses de 2009 en 203.200 persoas, o que eleva a taxa de paro ao 18,83%, a máis alta desde principios de 1998. Segundo reflexa a Enquisa de Poboación Activa, considerada o mellor termómetro do mercado laboral, o ascenso do cuarto trimestre deixa en 1.118.600 persoas o número de novos parados ao longo de todo o ano pasado, un 34,87%, e deixa o total nun novo máximo histórico: 4.326.500 persoas –en Galicia, 168.400.
Xunto ao ascenso do desemprego que reflicte a EPA, a ocupación segue perdendo fol a pasos axigantados. En todo o ano, 1.210.800 traballadores quedáronse sen traballo, 224.200 deles no último trimestre. Este recorte anual do 6,10%, que rebaixou a cifra de traballadores con emprego a 18.645.900 persoas, supón o maior descenso da historia deste indicador, que comezou a elaborarse en 1976, outra cifra para a historia dunha crise que quedará nos libros como a máis grave nos últimos cincuenta anos. Outro dato para a reflexión é que o descenso na ocupación e o aumento da taxa de paro tiveron lugar a pesar de que a poboación activa en España segue baixando, principalmente pola saída do mercado laboral dos inmigrantes, cansados de buscar e non atopar traballo.
As cifras tamén mostran o deterioro do mercado laboral, que se ceba especialmente no colectivo dos mozos. A taxa de desemprego entre os menores de 24 anos duplicouse nos últimos dous anos. Pero a recesión tamén afecta seriamente á contratación, pois a crise segue modificando a estrutura do mercado laboral e recortando a temporalidade.
Por desgraza, non é só un problema de cifras, senón tamén de persoas. O rostro máis preocupante desta recesión é o paro masivo, as familias sen un só ocupado e os riscos de depauperamento e malestar social que aparecen no horizonte se non se adoptan con certa celeridade medidas realistas.
Polo de agora, o Goberno do PSOE só puxo en marcha unha política activa de creación de emprego, o PlanE, consistente principalmente consiste no Fondo de obras locais e que é unha medida coxuntural. E a Xunta do PP, que tamén ten competencias nesta materia, tampouco dá mostras de vitalidade.
Outro dos problemas o que se enfronta o Estado é o alto déficit contraído. O Goberno prevé un déficit do 11,4% do PIB 2009, polo que presentou un plan co que se pretende lograr un aforro de 50.000 millóns de euros. Dentro destas medidas de aforro, o Goberno ideou unha reforma profunda do sistema de pensións que contempla alargar a vida laboral ata os 67 anos, entre outras medidas de calado. Como era de esperar, a polémica proposta non tivo unha boa acollida entre o resto de actores sociais.
A estas alturas é innegable a necesidade de alcanzar canto antes un pacto de Estado que poña as bases necesarias para que España poida afrontar a crise coa mirada posta na súa recuperación. Por iso, resulta necesario que todos os actores sociais poñan sobre a mesa as súas propostas, se debaten entre todos e se chegue a unha resolución conxunta. Se nestes momentos está activa a comisión do Pacto de Toledo, o Goberno debería facer alí as súas propostas. O anuncio do seu plan de maneira unilateral non contribúe ao consenso.