Coraxe. Mesmo podemos ensimesmarnos debatendo se estamos ensimesmados ou non e o peor sería non disfrutar dos chanzos de autoestima que ascendemos día a día e nos van poñendo a anos luz de calquera código acomplexado. Refírome ao audiovisual de Galicia. Esta semana foron os Premios Forqué de cinemantografía que, como en España si que é posible que aínda perviva algún mimetismo acomplexado, no sector coincidimos en consideralos unha antesala dos Goya, (como os Globes sono dos Óscar). Pois de cinco premios, tres levaban a marca de Galicia na acción e no corazón de Juliio Fernández (traxectoria como produtor), Vaca Films (mellor filme con ‘Celda 211’) e Luis Tosar (mellor actor).
Os tres son exemplos elocuentes e diversos da execelencia audiovisual de Galicia. Julio Fernández (un galego cento e pico por cento) xestionou con éxito a síndrome da emigración e fabrica soños desde Compostela e Barcelona para o mundo todo, desde ‘REC’ a ‘Tapas’, pasando por ‘Pinocho’, ‘El Perfume’ ou ‘Pérez’. Toma riscos importantes e integrais na produción, na distribución, nas vendas internacionais e na exhibición. Un emprendedor veterano que contaxia audacia e esixencia. Borja e Emma de Vaca Films son talento novo nun ámbito que tamén debe ser creativo, o da produción, e souberon ver, nunha novela que non fora para nada un éxito, un material valioso para o cinema de xénero. Talento galego que se apoiou en máis talento galego, Luis Tosar, para mover un proxecto en Galicia e fóra de Galicia; ‘Celda 211’, un triunfo e, sobre todo, unha esperanza.
A mellor baza que temos para afianzar e xeneralizar unha internacionalización eficiente da industria cultural galega é que xa temos superados o mellor test: temos referencias e precedentes importantes, alomenos, no audiovisual, na literatura e nas artes plásticas. Amais diso, pasamos constantemente outro test civil e profesional, o de ser efectivos tamén para os usuarios culturais galegos (resístome a chamarlle “mercado interior”). Mentres en Europa persistamos na consideración de chamarlle industria cultural ao que en USA chaman “entretemento”, estaremos aportando positivamente ao PIB e tamén ao coñecemento emocional.
Melancolía. Luis Tosar forma parte da miña entidade sentimental e artística. A propósito do recoñecemento por ‘Celda 211’, bromeaba polo frecuentes que son os seus roles de “tormenta interior”. Tranquilo, Luis, non es tormenta interior, es esperanza, esperanza interior e internacional.