Se alguén podía albergar dúbidas sobre a ilegalidade da guerra de Iraq, o paso do tempo e diversas investigacións deron a razón a quen denunciaron a falta de mandato legal para aquela intervención. Con todo, o ex primeiro ministro británico, Tony Blair, mantense nunha defensa pechada da guerra e non se arrepinte de nada.
“Non me arrepinto. Volvería a facelo”. Con estas palabras elixiu Tony Blair acabar a súa comparecencia ante a comisión que investiga a participación de Reino Unido na guerra de Iraq. Na súa declaración, o ex primeiro ministro ratificou unha detrás de outra as súas coñecidas posicións sobre a invasión militar e apenas deixou espazo para pequenas admisións de erros, sobre todo en cuestións relacionadas coa posguerra.
Nos meses anteriores á invasión militar, no 2003, Blair defendeuna a base de afirmacións tallantes sobre a existencia de armas de destrución masiva. Hoxe aquela rotundidade desapareceu porque as armas non existían. Na súa comparecencia ante a comisión Chilcot, Blair declarou que a información dispoñible no seu momento sobre o armamento letal era fragmentaria, e recoñeceu que non había vínculos entre o réxime iraquí e Al Qaeda, que era a outra xustificación para que Iraq formase parte da guerra global contra o terror. Aínda así, Blair reafirmouse ante a comisión na necesidade de acabar co réxime de Sadam Husein e concluíu sen o máis mínimo rubor que logo daquela guerra o mundo é máis seguro. Tampouco demostrou ningunha compaixón polos miles de vítimas, militares e civís, que causou o conflito.
Que Blair non renegara da guerra de Irak, que apenas aceptara erros, era esperable, pero que desperdiciara a ocasión para lamentar a perda de tantas vidas humanas, enfureceu a moitos, sobre todo aos familiares dos soldados británicos que faleceron no conflito.
Pola contra, Tony Blair aceptou erros na posguera, pero só de maneira indirecta. Xustificou que non é que a posguerra estivera mal preparada, senón que non se deron os problemas que planificaran. Por exemplo, esperaban unha catástrofe humanitaria e o que houbo foi un esborralle da administración ao caer o réxime de Sadam. Tamén se levaron unha sorpresa ao ver que Al Qaeda e os insurxentes chiís apoiados por Irán se puxeron de acordo, cando os expertos pensaban que o seu antagonismo relixioso o impediría.
Cunha maioría de británicos convencidos de que Blair mentiu, o obxectivo desta comisión era o de restablecer a confianza dos cidadáns no Goberno e aprender dos erros do pasado para non repetilos no futuro. A comparecencia do ex primeiro ministro non axudaría a lograr o primeiro obxectivo. A guerra de Iraq persegue a Blair. Inhabilitouno xa no Reino Unido e en Europa. As súas declaracións ante a comisión Chilcot suman argumentos á súa incapacidade política.
Pero a guerra de Iraq non só persegue a Tony Blair, senón tamén ao ex presidente estadounidense George W. Bush e ao ex presidente español José María Aznar. Así, calquera reminiscencia aos seus mandatos ten como característica principal o seu apoio a unha guera ilegal.