Semella que pasaron xa séculos eternos, ou como moito décadas, dende que o espírito colonizador occidental bautizaba indíxenas no Amazonas. Semella que hai moito tempo xa dos relatos que nos contamos como sociedades para xustificar a matanza e explotación de millóns de seres humanos. Foi nesa época cando apareceu o mito do “bo salvaxe”, unha versión bonita dos pobos (outros) que conviven en paz coa natureza e que nos designa as nosas carencias como sociedades desenvolvidas. O bo salvaxe está agradecido do contacto cos homes brancos, fenómeno que na actualidade se anova na sentencia: “son pobres pero felices” que un día si e outro non escoitamos das persoas que viaxan aos países do sur. A min persoalmente a idea da felicidade resúltame incompatible coa carencia de alimento, vivenda, coas cifras de mortaldade materno infantil e xa non digamos coa violencia de xénero.
Mais así é que agardamos día si e día tamén que esas persoas de países distantes, rostros diferentes (de verdade?) e costumes estraños (en serio) se prostren ante nós con agradecemento cada vez que deixamos caer a nosa miserable esmola sobre a miseria que dende aquí creamos. E cando non é así, entón a cousa non nos gusta nada. Porque o mito do bo salvaxe compleméntase por este lado co do bo colonizador (véxase Avatar). O bo colonizador aparece estes días a toda cor nas portadas dos xornais, transformado o seu uniforme relixioso no do home que sostén en brazos unha crianza en Haití, a foto favorita de todos os xornais. O bo salvaxe converteuse en malvado, rexeita a nosa axuda e bótanos á cara que tirar comida con camionetas non é tratar con dignidade ás persoas que o perderon todo cando a terra abriu a boca. Non é dignidade tomar decisións sobre a vida das outras co cu cómodo en Nova York. Non é dignidade provocar procesos onde as mulleres (obsérvense as imaxes das loitas polo reparto da comida) non están. Non é dignidade ignorar a violencia que nestas situacións todas as partes exercen contra elas. Non é dignidade introducir exércitos en países coa escusa da “solidariedade” (exércitos denunciados centos de veces por violacións e por incitar a prostitución). Co noso historial deberiamos de ser as primeiras en desconfiar das boas intencións.
O afán de “axudar”, sempre encomiable, non vale de calquera maneira. Seino por experiencia propia na tsunami. As cousas poden facerse doutro xeito, iso tamén mo di a miña experiencia. Con participación e decisión das comunidades afectadas e en especial das mulleres. Sen considerar que aínda por riba de perdelo todo as persoas teñen que ser felices coa nosa esmola. Cómpre botar fóra estes contos que tanto nos gustan de negriños pobres –ou malos saqueadores– e brancos salvadores. Haití cúspenos na cara o resultado das nosas accións, e por aí hai que empezar para que non haxa persoas que só existen cando morreron en cifras de seis números todas xuntas. Cómpre escoitar antes de nada a súa voz, sobre todo a das mulleres, e comprender que a xustiza non é algo que deba repartirse porque as persoas son máis boas, viven máis preto da natureza ou son máis humildes senón porque todas e todos somos seres humanos: non se precisan máis narracións ca esta. Porque un terremoto é difícil de predicir. Mais as condicións de vida previas poden non só predicirse senón evitarse o día que comecemos a ser responsables do impacto dos nosos comportamentos a nivel colectivo e individual. Porque que por moitas fantasías que nos contemos, a (neo)colonización nunca poderá ser boa. E moito menos é a única forma de relación con outros pobos, pero para iso cómpren menos mitoloxías e máis (auto)críticas.