Pido perdón e pido a palabra. Pido perdón por emigrar e pido as verbas a Castelao para encabezar os meus artigos a partires de agora. Verbas de chumbo é o nome que lle deu este grande literato, político e mais debuxante rianxeiro a unha morea de artigos que escribiu para A Nosa Terra desde o seu confinamento en Badajoz no ano 1934. Verbas de chumbo dunha galega en Italia. Non me atopo no desterro coma estivo o debuxante rianxeiro, mais poderíamos dicir que emigrei para asentarme nesta terra italiana, nesta “cidade eterna” marabillosa e cosmopolita, fría e quente, tan pobre como rica, tan luminosa coma escura... e tan polémica na súa actualidade como queda e tranquila para vivir.
Sirva de exemplo o que o primeiro ministro deste país, Silvio Berlusconi, dixo a fin da pasada semana e que vén de provocar toda unha onda de reaccións contrarias en sectores como a política, os medios de comunicación e a Igrexa. Para o premier “menos inmigración significa menos criminalidade”. O polémico gobernante fixo estas declaracións na presentación dun plan antimafia en Reggio Calabria. Cando todos esperaban escoitar de boca do mandatario a explícita condena do estalido racista contra os temporeiros africáns que tivo lugar hai uns días en Rosarno, Berlusconi sorprendeu afirmando que “reducir o número de extracomunitarios clandestinos significa que a criminalidade engrosa menos forzas nas súas filas”. Amén.
Nos meus papeis de documentación italiana non figuro como emigrante. Tampouco son extracomunitaria, pero ao ler estas pintorescas e indignantes declaracións, non sei de que outro modo calificalas, sentínme máis emigrante, filla e neta de emigrantes ca ninguén. Quen diría que poderiamos chegar a este punto de identificar emigrantes con delincuentes? Quen ía dicir que dúas palabras dan distintas poderían ser utilizadas como sinónimos por un alto mandatario político dun país metido en todos os “G” (G-8, G-20, G-etc.) como Italia?
A contrapartida vén dos datos oficiais que, ao parecer, contradín a Berlusconi porque os inmigrantes non delinquen máis ca os italianos. Segundo o Istat (L’Istituto nazionale di statistica de Italia), a taxa de criminalidade entre os estranxeiros é máis alta ca dos nacionais (1,23% versus 0,75%) a mesma taxa resulta ser ao revés cando miramos, por idades, entre os maiores de 40 anos. A cifra, ademais, merece unha lectura intelixente: catro estranxeiros de cada cinco denunciados, son denunciados precisamente por seren clandestinos, é dicir, por non cumprir as leis de inmigración e, por eso, son considerados delincuentes.
Cantos dos nosos avós e bisavós emigraron ás Américas coa intención de traballar e poder manter as súas familias! Ían na procura dunha vida mellor e, quizais, cunha profunda ansia de liberdade. Cantos deles foron tratados coma delincuentes na terra que os recibiu? Se moitos deles, dos que xa pecharon os ollos para sempre, poideran abrilos para ver e escoitar ao señor Berlusconi, quedarían, cando menos, abraiados. Pode que, incluso, agradeceran a Deus e ao ceo teren nacido un século atrás e non agora, neste século vinteún, no que tanto falamos de progreso pero tratamos aos que veñen doutros lugares coma delincuentes. Somos emigrantes, pero temos corazón.