O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, criticou durante o Café de Redacción de Xornal de Galicia que a Xunta menosprezase Compostela na campaña promocional do Xacobeo. “Hoxe en España non se sabe que este é un Ano Santo”, afirmou Bugallo sobre a publicidade feita polo Goberno galego. Segundo o alcalde houbo unha determinada decisión política de vincular o Xacobeo a próximas confrontacións electorais. “Tomouse a decisión política de vincular o Xacobeo ás eleccións, e foi un erro político claro e un erro económico de vulto”, afirmou Bugallo.
O alcalde compostelán admite que hai poucos recursos para o Xacobeo, en comparación con anos anteriores, pero que é preciso reconducir as mensaxes promocionais para atraer turistas e conseguir crear emprego. Pero lonxe de entrar en liortas políticas sobre os erros de planificación do Xacobeo, Bugallo mostra a súa boa vontade para buscar solucións aos problemas creados pola mala programación da Xunta. Así, en vez de aproveitar politicamente as carencias de xestión do Goberno de Feijóo, o alcalde de Compostela contribúe para que todo saia o mellor posible e que o Xacobeo se converta na oportunidade de recuperación económica que todos esperan para Galicia.
Bugallo non deixa de ter razón na súa exposición, pois é preciso que se teña en conta que a marca Santiago é inconfundible en todo o mundo e foi un erro importante que non se utilizara na campaña publicitaria. Pero Sánchez Bugallo non cuestiona ao conselleiro Roberto Varela, xa que, segundo el, “a súa responsabilidade foi a de facer caso a outros”. Unida a esta idea, o alcalde tamén afirma que está callando nas poboacións urbanas que “a Xunta é pouco sensible coas cidades”.
Pero a súa sensatez non só aflora ante as problemáticas do Xacobeo, senón tamén en asuntos sensibles no seu partido –o PSdeG-PSOE–, no que xoga un papel integrador, así como noutros temas relacionados coas infraestruturas como o AVE, a xestión dos aeroportos galegos ou a construción da Cidade da Cultura.
Xosé Sánchez Bugallo leva desde comezos dos oitenta na política local, primeiro como home de confianza do anterior alcalde, Xerardo Estévez, e desde 1998 xa como rexedor. Bugallo relevou a a un alcalde importante para Santiago como Estévez, e soubo manter o alto nivel do seu antecesor. Proba diso é que foi quen de implementar o deseño estratéxico local do equipo de Estévez. Outra mostra da súa capacidade de integración é que chega a entenderse coa Igrexa, mesmo cando esta adopta posicións políticas cuasi partidarias nalgúns asuntos. Pero o seu respecto polo simbolismo eclesiástico tamén ten que ver coa especial vinculación da Igrexa coa cidade de Santiago, e os seus intereses.
Todo este labor faino nun goberno de coalición sen ruídos, e no que se hai tensións, que pode habelas, rara vez saen ao exterior. En boa medida isto débese a que Bugallo lle dedica tempo, día a día, a analizar a súa acción de goberno co BNG.
Ante estas circunstancias é lóxico que Sánchez Bugallo siga saíndo ben parado nas enquisas, e tamén que o Partido Popular teña moitas dificultades para artellar unha alternativa. Non tanto porque o seu candidato, Gerardo Conde Roa, careza de calidades políticas, senón porque o seu partido carece dun auténtico proxecto para Santiago.