A bolsa viviu onte unha xornada de caída libre: perdeu como media un 5,9%. A banca foi a que experimentou caídas máis espectaculares. Esas caídas engádense ás das últimas tres semanas. No que vai de ano o IBEX-35 perdeu uns 2.000 puntos, é dicir, perto dun 20%. O certo é que a debacle ten o seu epicentro no sector bancario, paradoxalmente o mesmo día en que o Banco Santander presentaba resultados cuns beneficios elevados, superiores aos do ano pasado. Algúns analistas deseguida atribúen esa caída aos preocupantes dados do déficit e da débeda española. Sen quitarlle gravidade aos dados da economía española, o certo é que as caídas da bolsa prodúcense con grande intensidade en todos os parqués europeos e nas principais bolsas do mundo. Polo tanto, cómpre non quedarse no epifenómeno e menos para facer demagoxia fácil. A caída xeralizada o que reflicte realmente é o pinchazo da nova burbulla que se inflou nos mercados financeiros desde o mes de marzo ate aquí. Nos últimos nove meses do ano pasado produciuse unha vertixinosa alza dunha parte das bolsas dos mundo, entre elas a madrileña que se revalorizou ao redor dun 80%. Obviamente esa revalorización non respondía a unha fantástica recuperación da economía española, que vivía e segue a vivir unha intensa recesión. Era un pinchazo anunciado, do mesmo xeito que tamén tiñan que pinchar outras bolsas de países emerxentes que recibiron nos últimos meses fluxos enormes de fondos especulativos, alimentados en parte polas xenerosas e baratas inxeccións de diñeiro barato por parte dos bancos centrais de todas as potencias económicas.
Moitos economistas vimos denunciando que a inxección de recursos públicos no sistema financeiro e as inxeccións megamillonarias dos bancos centrais a taxas de xuro nulas estaba servindo para inflar un nova bolla de investimentos especulativos. Até o punto que algúns países como Brasil tiveron que adoptar medidas –un imposto do 2%– para limitar a entrada dese tipo de capital especulativo de curto prazo. Foi esa política de diñeiro regalado para o sistema financeiro, sen que se puxeran en marcha reformas regulatorias dos mercados, o que permitiu esta nova inflada especulativa. E como todas as burbullas acaban estoupando, pois tocoulle estoupar estes días.
É a consecuencia dunhas medidas de política económica empecinadas en tentar prolongar o vello modelo de financiarización neoliberal. A pesar dalgunhas proclamas aparentemente rompedoras e facendo un uso espúreo dun discurso supostamente keynesiano, levamos dous anos con cataplasmas destinadas a reanimar e dar osíxeno a un modelo asentado nun sistema financeiro autónomo e especulativo, poñendo todo o resto ao seu servizo.
O tráxico é que ao mesmo tempo que iso pasa diante dos nosos ollos, vemos a todo o aparato de propaganda das finanzas (FMI, Banco España, BCE, etc.) sinalar como chibos expiatorios os salarios, os contratos indefinidos e as pensións. Sería un sarcasmo se non fose porque todo o aparello mediático lle da cómplice cobertura. Entretando os verdadeiros pagáns son os millóns de parados, os autónomos arruinados e os pequenos empresarios estrangulados por unha demanda en retroceso e un racionamento do crédito que rolda as condicións da usura. O máis sorprendente é a capacidade que até o momento tiveron os xestores da información e do discurso para manter amedoñados e paralizados a todos ese pagáns da crise e a incapacidade de todas estas masas sociais para tecer unha alianza fronte ao todopoderoso conglomerado das finanzas.