Sexamos claros, o FROB non é unha solución, o FROB é o problema. O FROB non está pensado para atender entidades con problemas graves de viabilidade senón para impulsar un cambio no mapa financeiro nunha dirección determinada; moi discutible, tanto no financeiro –concentración–, coma no económico –a prioridade non é poñer a banca ao servizo da produción– coma no político –inhabilitar as competencias autonómicas sobre as caixas.
Polo tanto, equivócanse de raíz os que acreditaron no discurso de que o movemento fusionista era para evitar eventuais crebas de caixas concretas. É un plan político-estratéxico xeral, dirixido a todas elas, estean ben ou mal; plan madurado en realidade antes da crise. Desde o meu punto de vista, non só é discutible polos seus obxectivos políticos senón que a súa orientación financeiro-económica pode resultar nefasta para a economía e ralentizar a saída da crise.
Vexamos isto por partes. A causa de que as caixas se estean vendo compelidas a procesos de fusións non deriva, como moitos pensan, da súa situación financeira actual ou inmediata. Que teñen problemas é obvio; non fai falla máis que unha ollada ás memorias anuais e trimestrais para ver que hai problemas; ou ir a unha oficina a pedir un crédito ou negociar unha liña de desconto de papel. Agora ben, recoñecer que hai problemas, e mesmo que estes poden agravarse a curto prazo como consecuencia da morosidade e da necesidade de facer fronte á devolución de grandes créditos, non significa que estas entidades estean nunha situación de risco de inviabilidade. A maioría das entidades poderían capear o temporal, acometendo as medidas de reestruturación que fosen pertinentes; case todas terían que amortecer os excesos expansivos de oficinas e persoal en pos do negocio inmobiliario dos últimos anos; cousa que, por outra parte, xa están a facer. Tamén poderían desfacer posicións para mellorar a solvencia. A maioría das entidades poderían dixerir iso sen ter que aceptar ser absorbidas por ningunha outra e sen acometer procesos de fusión. Todas elas competirían entre si en condicións máis ou menos parellas, pero poderían tirar para diante. O que muda o panorama é o FROB.
Caramelo e ameaza
O FROB é un caramelo e unha ameaza ao mesmo tempo. Para entender a súa perversidade podemos distinguir os seus efectos a curto prazo e os de longo prazo. O FROB son recursos públicos que o Goberno presta –a unha taxa do 7,5-8%– ás entidades que entren no proceso de reestruturación nas condicións e cos obxectivos anteditos: concentración do sistema bancario camiño dun mapa no que só queden grandes entidades, guiadas polo principio de eficiencia –é dicir, maximización do beneficio por parte das propias entidades–, camiño dunha ulterior bancarización. Se ningunha entidade aceptara as condicións e obxectivos do FROB e non se acollera a el, entón non pasaría nada. O panorama empeza a mudar na medida en que algunhas entidades entran no xogo, por obediencia ou por sintonía coas aspiracións dos seus directivos. A partir dese momento, os recursos públicos aportados polo FROB melloran –no curto prazo– os recursos propios da entidade, dispón de máis capital para financiar operacións e permítenlle unha estratexia máis agresiva na captación de clientes –remuneracións máis altas dos depósitos e menores xuros nos créditos. Isto dálles unha vantaxe competitiva que descoloca as demais entidades na competencia polos clientes. Ese é o primeiro e auténtico problema. A causa de que as entidades que poderían seguir perfectamente a súa ruta en solitario se vexan tentadas ou compelidas a acometer procesos de fusión dalgún tipo. Para non verse desprazadas nesa batalla competitiva.
Polo tanto, sexamos claros, a causa dos movementos fusionistas non está tanto na mala situación financeira das caixas como na alteración das regras de xogo que provoca a entrada en escena do FROB.
Por esa razón, o que cómpre discutir é o propio FROB. É unha necesidade ou ben é unha oportunidade aproveitada polo Goberno, PP e Banco de España para impulsar un cambio no mapa financeiro español que ten outras finalidades? As dificultades –reais– das entidades esaxéranse e dramatízanse ao extremo presentando o FROB como a imprescindible táboa de salvación. En realidade, o FROB responde a unha axenda, disimulada de cara a opinión pública, que xa estaba formulada antes da crise e que consiste en: a) Reducir a cota de mercado que en conxunto teñen as caixas no aforro e o crédito; b) Incrementar o tamaño das entidades na liña dun modelo de sistema virado para os mercados financeiros globais; c) Mudar o mapa e ámbito operativo das caixas para inhabilitar de facto as competencias exclusivas da CCAA sobre estas; d) Mudar o carácter social das caixas pola vía da creación de novas vías de capitalización, é dicir, privatización delas vía cotas participativas con dereitos políticos (accións ou seudo-accións).
Iso é o que está na letra e no espírito do FROB aprobado polo Goberno central e consensuado polo PP e PSOE. Iso é o que desata o proceso fusionista, que o Banco de España, Ministerio de Economía e os dous partidos promocionan con absoluta dedicación e presión; é o que Mafo veu transmitir o día 26 de xaneiro en Vigo.
Pero, a perversidade do FROB ten unha segunda rolda, a longo prazo, a cinco anos vista. As entidades que chegado o vencemento do crédito FROB non estean en condicións de devolver os avultados créditos –outorgados a unha taxa de xuro do 7,75%-8%– atoparanse de súpeto nas mans do Banco de España. De acordo coas cláusulas do FROB, a eventual non devolución da totalidade do crédito autorizaría o Banco de España a intervir a entidade e, nese momento, el decidirá a quen a entregan. As entidades que agora estean en situación realmente calamitosa ou as fusións que dean lugar a unha entidade moi fráxil é bastante probable que queden atrapadas no FROB, porque este fondo non está realmente pensado para resolver problemas de desaxustes financeiros profundos. Non é esta unha hipótese excéntrica senón bastante plausible. De feito, moitas entidades consideran que as condicións do FROB son leoninas e agresivas e por iso optan por outras vías para a súa capitalización. Diversas entidades, como La Caixa, descartan acudir ao FROB e están a emitir títulos de débeda altamente remunerados (4-5%) a dez anos que lles resultan unha alternativa bastante máis económica e segura que o FROB.
O certo é que o FROB é a verdadeira causa que fai abanear a Caixanova e a Caixa Galicia. Por esa razón os vigueses perderon unha ocasión preciosa de manifestarse diante da man que arrola o berce o día 26 de xaneiro. Os que de verdade aspiran a preservar o sistema galego de caixas deberían batallar con decisión contra o FROB e a estratexia equivocada do Banco de España, reclamando unha nova política para re-construír un sistema financeiro de futuro que de verdade estea ao servizo do sistema produtivo e da sociedade. Reclamar ao presidente da Xunta que, dunha vez, promova un recurso contra o FROB por invasión de competencias e anuncie solemnemente a disposición a vetar calquera fusión –fría ou quente– extragalega.
Con esas condicións Galicia enteira podería seguir contando coas súas dúas caixas. E iso sería o mellor para o noso futuro: o das empresas, traballadores e aforradores galegos. Tamén é o camiño máis seguro para superar esta crise porque o sistema financeiro dos vindeiros anos non será o das entidades xigantes viradas para o mero negocio das finanzas globais especulativas senón máis ben unha banca centrada na captación de aforro e na colocación do crédito en negocios cunha boa calidade de información e proximidade. Se para garantir esa estratexia fose preciso poñer recursos públicos hai vías alternativas á do FROB e á sociedade galega sairíalle moi a prezo investir o que faga falta en preservar o seu sistema de caixas. Máis aínda, a estas alturas do encerelle unha reconsideración desta opción podería ser unha razoable pax galaica.
Algúns creron que había atallos para defender a preservación da galeguidade das caixas fronte aos plans do Banco de España, Goberno e PP. Ao final, a alternativa máis certa pasa por confrontar o verdadeiro núcleo da estratexia: o FROB, o Banco de España como brazo executor e a estratexia compartida polo PP e PSOE centrais. As diferenzas entre o PP e o PSOE non están na finalidade senón na estratexia para posicionarse nun reparto que ambos están decididos a levar adiante.
Por iso é un erro político debilitar o país cunha confrontación interna cando a única defensa do sistema galego de caixas pasa por unha apelación ao conxunto da sociedade civil a saír na súa defensa; e esa vontade colectiva de país non se constrúe dando pé a guerras localistas. Unha unión imposta non une senón que divide e encirra os instintos máis ruíns dificultando unha resposta nacional. Con todo, a batalla para impedir a expatriación das caixas haberá que intentala, establecendo unha estratexia diferente á do PSOE e á do PP.
O PSOE non xoga en clave galega senón en clave española, velando polas prerrogativas do Banco de España e o plan estratéxico do FROB, así como de oposición a Feijóo e liorta pola dote. Pola súa parte, Feijóo non xoga en clave galega senón en clave española de oposición ao goberno do PSOE –como leva facendo desde que foi investido presidente– e nesa clave cómpre interpretar o seu disparatado argumentario destes días. Sería ben irónico que este recurso á bandeira “da aldraxe” –pero cun discurso profundamente antinacionalista– fose presentado como a primeira proba do seu compromiso con Galicia. A proba do nove é se presenta recurso de conflicto de competencias contra o FROB ou non.