O ministro de Fomento, José Blanco, vén de poñer fin á privilexiada situación da que gozaban os controladores aéreos españois. O galego rematou mediante un decreto lei coa situación vantaxosa coa que vivían os membros deste colectivo laboral, preto de 2.400 profesionais que cobraban 350.000 euros ao ano, unha cifra bastante máis alta que a que reciben os seus colegas europeos. Por poñer dous exemplos, en Alemaña o ingreso medio dos controladores é de 120.000 euros anuais, mentres que en Reino Unido o salario instáurase nos 150.000. E non se trata só de privilexios de tipo salarial, senón que se estenden a outro tipo de vantaxes como menos horas de traballo e un enorme poder para organizar o seu traballo de forma unilateral.
Pero, o dito, José Blanco acabou coa acomodada posición dos controladores aéreos españois. O decreto lei aprobado polo Consello de Ministros cambia por completo este panorama –por outra parte, difícil de entender nos tempos de crise e austeridade que se están a vivir. A nova lexislación resolve a situación por medio de tres vías: liberalizar o servizo para que non só estes empregados públicos, senón tamén empresas privadas, poidan prestalo nun futuro próximo; ampliar a xornada laboral, de 1.200 horas anuais a 1.750, como forma de reducir o seu soldo ata os 200.000 euros– xa que a anterior regulación laboral dos controladores, que data de 1999, sinalaba que tiñan unha xornada laboral básica insuficiente para garantir os despegues e aterrizaxes, de maneira que recorrían a horas extras polas que se cobraba máis do dobre que polas ordinarias–; e retirar aos controladores a capacidade para estruturar o seu traballo sen dar contas a ninguén.
Este convenio que permitía tan vergonzante situación, sobre todo en etapa de apretar o cinto, expiraba en plena Semana Santa e ante a falta de acordo para acadar unha normalización co colectivo, o ministro curouse en saúde impoñendo un drástico recorte dos privilexios. “Non é tolerable que empregados públicos estean a cobrar salarios millonarios cando dende o Goberno se está a pedir austeridade aos españois”, sinalou Blanco.
Sen panos quentes, o ministro borrou do mapa a habitual imposición de criterio por parte do gremio aéreo. Réstalle agora ao galego facerse coa complicidade das restantes forzas políticas para facer fronte común ante os previsibles intentos do sindicato de controladores de deixar en terra os pasaxeiros e ateigar as salas de embarque dos aeroportos como medida de presión para manter a súa privilexiada situación.
Non empezaron ben para evitar isto os opositores populares. A súa reacción ante o anuncio do Goberno foi tildalo de elemento de distracción ante a complicada semana do Executivo socialista, criticado pola súa mala xestión económica da crise. Aínda que a decisión de Blanco resultase un oasis entre os desacertos do gabinete de Zapatero, a realidade é que se trata dunha medida que vén paliar o sistema de desiguladades laborais. Remata, dende logo, coa mina de ouro dos controladores aéreos e coa súa posición de casta case intocable polas súas continuas ameazas e chantaxes de paralizar o tráfico aeroportuario. Máis ten que evitar o PP as críticas baratas se se ten en conta que o último en elevar o caché do gremio foi o ministro popular Arias Salgado, que escapou do acurralamento provocado polas folgas encubertas beneficiando aínda máis a posición dos controladores.