Sempre fun dos optimistas, non para acptar a realidade tal como se nos impón, senón para construír a cotío os alicerces dunha Galiza que rexeite e elimine a colonización secular, que sexa parte dun mundo xusto, solidario, sustentábel. O optimismo só se torna transformador con obxectivos ao servizo das clases populares e o traballo arreo, porén cando se basea no derrotismo, en poñer boa cara aos feitos máis noxentos, sacraliza a alienación.
Neste momento, a alienación acada niveis moi superiores a calquera outra etapa histórica, tanto pola derrota do chamado socialismo real, como pola revolución informacional e a enorme hexemonía que sobre a información e a cultura de masas acadaron os grandes grupos económicos.
Só así é posíbel entender que o PSOE asuma todas e cada unha das propostas do PP, da patronal e dos organismos internacionais imperialistas (como o FMI), desdicindo posturas de hai uns meses. Mesmo abraia que non se reacciones desde o sindicalismo estatal cunha convocatoria de folga xeral, para frear este ataque aos intereses do pobo.
Non hai argumentos de peso para a reforma das pensións, moito menos para baixar os salarios e reducir as indemnizacións por despedimentos, e tampouco para rebaixar os investimentos en cuestións sociais, culturais e de impulso da actividade produtiva e defensa do ecosistema.
Se o déficit público atinxiu no 2009 o 11,4%, e chegará este ano ao 9%, é porque durante os últimos anos elimináronse ou reducíronse impostos aos máis ricos, que se compensaron só en parte cunha maior presión fiscal indirecta; ingresos que se reduciron aínda máis pola queda do consumo. Asemade, coa brincadeira de xerar emprego, subvencionáronse as empresas, e de novo coa crise déronselle achegas inmensas “para evitar males maiores”.
As consecuencias son: que os salarios reais baixaron e as rendas do capital xa eran no ano 2007 superiores ás do traballo. Polo tanto, para facer competitivas ás empresas, o lóxico é que o axuste encete por aqueles que teñen uns lucros tan enormes (mesmo ofensivos), xa que como grupo teñen máis capacidade para rebaixar custes que toda a clase traballadora, que está no límite.
O Goberno central pode facer esta andaina, máis xusta e solidaria. Porén semella tabú para Zapatero e Pachi Vázquez, e sería unha declaración de guerra para Rajoy e Feijóo. Prefírese manter privilexios mesmo hipotecando unha saída da crise máis rápida.
Para que se colla outro rumbo é necesario o debate político sobre a situación social e económica, a mobilización e a organización da maioría social, para mudar deste xeito a correlación de forzas.
O tema das pensións, a cuestión da lingua, o problema das caixas, a privatización de servizos públicos, a discriminación de obreiros galegos no naval, son feitos que poden aportar moita claridade, porén para iso deben converterse nun debate popular.