Unha grande canseira da política apoderouse das conciencias. A profundidade da crise económica que vivimos transformouse xa nunha crise de dimensión anímica colectiva, aínda máis perigosa, e a política anda en descrédito acelerado. Méritos abondo fixeronse para iso. Por moitos.
Porén, a política non son os políticos nin menos aínda os partidos políticos. A política é moito máis que os seus axentes circunstanciais: é unha arte excelsa, rebaixada por desgraza moitas veces en artesanía basta e interesada, mais que debe ser valorada como imprescindíbel instrumento de transformación segundo valores superiores colectivamente asumidos. Compréndese a fartura polo seu mal exercicio, mais non o seu rexeitamento ou a renuncia aos seus ideais.
Quen agora denuncian terríbeis males derivados dunha gobernación económica desafortunada non sempre queren influir na súa mellora. Se cadra, sentiríanse máis cómodos nun ambiente social desideoloxizado, “agarbanzado” nos parámetros parabólicos de Fraga Iribarne. Sementar, como se está a facer, un pesimismo apocalíptico e sen saída ten moito a ver con posicións políticas diluintes e moi pouco democráticas. Para os gregos, apocalipse significa revelación, descubrimento para saír adiante dos propios erros e pecados. Hai un desexo íntimo en cada cidadán de que as cousas melloren, de que saiamos con ben desta tribulación. É un desexo limpo, se cadra inxenuo, que moitos vivimos “con temor e tremor”, como dicía Claudio Magris, para evitar a catástrofe. E a un gustaríalle que os nosos líderes políticos estivesen imbuidos deste limpo sentimento. Non parece que sexa moito pedir.
Loitar contra do pesadume e dos pesadelos é tamén función sobranceira da dirección política. Dende a Xunta de Galicia, Núñez Feijóo está a exercer unha política rencorosa, de ruptura da continuidade institucional, trazando unha fronteira absurda co Goberno bipartito, e practicando un “totalitarismo xelatinoso”, obediente a Madrid, tacticista e que vai á toa de acordos e trasacordos constantes. Ú-lo país?
Conceptos como lingua, nación e Estatuto amolécense dende a Xunta, até o punto de darlle opción ao PSOE estatal de reclamar, pola boca pequena, unha reforma estatutaria na que non cre. Calquera utopía, por limitada que sexa, descualificase mediaticamente ao ritmo de xenerosas subvencións. Este é o país que nos están a dar. E están a conseguir que as novas xeracións non queiran redimirse (e redimirnos), senón que alguén as redima. A pedra esmaga a Sísifo.
Eu ben sei que esta columna podería ter sido escrita hai trinta anos. Se cadra así foi, non me lembro, porque a memoria é xa “coloidal” a esta altura. Con todo, coñezo a moita xente disposta a subir de novo a pedra, unha e outra vez máis, contracorrente dos pesimismos e dos pesadelos, porque as cousas admirábeis non teñen que ser por forza ilusorias.