Domingo, 01 de agosto de 2010 - 9:57 h
J. M. Peña
Economista y auditor
12-02-2010 12:03

Primeiro paso cara o pacto territorial

   Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
1 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 23 voto/s

Ineludible, urxente e inaprazable. Por que? Polo escaso planeamento urbano existente en Galicia, polo inexistente planeamento supramunicipal, pola desfeita urbanística que nos caracteriza (inseguridade xurídica, feísmo, especulación, mesmo indicios de corrupción); pola forte carestía e a imposibilidade de manter os servizos básicos (abastecemento de auga, saneamento, redes de servizos eléctricos, de cableado de fibra óptica, de telefonía e de gas natural); pola imposibilidade de planificar unha dotación minimamente racional de servizos terciarios avanzados (o mapa de titulacións no ensino universitario, os servizos de maior especialización na sanidade, as plataformas loxísticas e o transporte público).

Onte, por primeira vez na historia da autonomía, os tres grupos parlamentarios –PP, PSOE e BNG– acordaron un gran pacto polo territorio. A iniciativa é unha boa nova para Galicia, sobre todo se se converte nun verdadeiro pacto.

O Partido Popular, o PSdeG-PSOE e o BNG teñen o deber de asumir, con rigor e seriedade, aquilo que prometían nos seus programas electorais ante a cita nas urnas do pasado un de marzo de 2009. Promesas que falaban de “plena participación dos concellos e dos axentes sociais” na elaboración das Directrices de Ordenación (PP), dun “grande acordo pola ordenación do territorio” (PSdeG-PSOE) e dun grande avance cara a un territorio máis ordenado a través de “un novo consenso en urbanismo” (BNG). Xa está ben de tratar de obter rédito electoral baseado unicamente na discusión acerca de cal é o primeiro grupo en ofrecer o pacto. Xa está ben de falar uns cos outros a través dos medios de comunicación. Agora chegou o momento de falar no Parlamento de Galicia, como sucedeu onte, e de traballar pola aprobación dunhas Directrices de Ordenación Territorial (DOT) que levan quince anos en trámite.

O desafío é deseñar unha estratexia de desenvolvemento do noso territorio que integre nun só modelo as necesidades dos espazos máis dinámicos, coas necesidades de crecemento económico e social dos territorios máis atrasados. En definitiva, permitir que a Galicia máis desenvolvida siga progresando e que a Galicia máis atrasada acade, polo menos, as mesmas cotas de benestar.

É preciso harmonizar o desenvolvemento das cidades con criterios de complementariedade, resolvendo os problemas máis acuciantes co ollo posto no conxunto da comunidade galega. Quero con iso dicir que é preciso distribuír os escasos recursos económicos que temos en construír equipamentos (facultades universitarias, centros culturais e de ocio, vías rodoviarias e ferroviarias, hospitais e centros sanitarios de alta resolución) pensando en dotar de servizos ao conxunto da poboación de Galicia. Trátase de planificar o futuro pensando no conxunto e non só nunha parte. En resumo, organizar un auténtico sistema urbano policéntrico, equilibrado e coherente. A ordenación territorial de Galicia é a primeira arma contra o caciquismo, a arbitrariedade e o localismo. Só así entraremos de verdade no século XXI.

As DOT deben dar resposta a obxectivos de gran transcendencia para a nosa sociedade: lograr unha maior integración de Galicia cos ámbitos que lideran o desenvolvemento europeo facendo uso intelixente da nosa localización na fachada atlántica; contribuír á consolidación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; potenciar as principais áreas urbanas de Galicia para liderar procesos de desenvolvemento e innovación; consolidar unha rede de vilas capaces de converterse nunha adecuada base urbana e de servizos; impulsar procesos socioeconómicos que dinamicen as áreas con menor peso demográfico; aportar referencias para o desenvolvemento de infraestruturas e equipamentos con criterios supramunicipais; proporcionar criterios territoriais para a elaboración de plans e proxectos sectoriais; e finalmente, activar procesos de renovación de espazos deteriorados ou en declive e de ámbitos singulares, como os centros históricos e os núcleos rurais.

En definitiva, esas directrices teñen que regular os procesos de desenvolvemento que se dean no territorio: plans municipais de urbanismo, plans sectoriais e supramunicipais, etc. O establecemento dun pacto político pola ordenación territorial é, como dicía, ineludible, urxente e inaprazable porque nun mundo progresivamente globalizado, aspectos fundamentais como o grao de cobertura dos servizos públicos, a calidade dos espazos residenciais, a eficiencia no transporte, o uso racional dos recursos naturais, a preservación e mellora da paisaxe e a adecuada utilización do litoral, convértense, de forma cada vez máis evidente, en factores que xeran oportunidades de competitividade e de calidade de vida para os cidadáns. Ou en todo o contrario: se son mal xestionados, serán factores que limiten as nosas capacidades de crecemento social e económico.

Agora as claves están no Parlamento, onde os grupos políticos deben ser capaces de levar á práctica a iniciativa presentada onte na Cámara. Só pedimos altura de miras.

Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
Dous matices
Pérez Gulín
2010-02-12 10:11:04
Un primeiro ao respecto da necesidade de "dotar de servizos ao conxunto da poboación de Galicia". Para afrontarmos o territorio cunha perspectiva estratéxica e verdadeiramente de país o conxunto non debe ser interpretado como "dotar de servizos a todos e cada un dos concellos". Dito esto, considero que tamén sería responsable introducir un nova liña de debate ao respecto de "impulsar procesos socioeconómicos que dinamicen as áreas con menor peso demográfico". É realmente necesario dinamizar as áreas con menor peso demográfico, ou sería máis interesante comezar a traballar para xestionar a baixísima densidade cara onde avanzan algunhas provincias e concellos de Galicia?

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.
publicidad