A medida que transcorre o tempo o asunto das caixas vai revelando toda a sua complexidade. O recurso de inconstitucionalidade contra os artigos da nova lei de caixas que estaban destinados a acelerar un cambio nos consellos das caixas co obxectivo dos seus impulsores de que iso conducira á fusión rápida das dúas caixas de pronto pon o cronómetro a cero.
Os que puxeron en marcha desde Madrid todo este programa de desmontaxe do sistema de caixas posiblemente non contaban que as resistencias ían ser tan fondas. Os que pensaban que podían fuxir dese programa mediante atallos unilaterais tamén ignoraban a complexidade dunhas institucións de grande envergadura, cun entramado lexislativo e económico ensarillado. Ao final os poderes centrais –cada vez máis arrogantes– acaban comprobando que a realidade autonómica ten unha dimensión real, arraizada e con algunhas CCAA nas que a sociedade e o entramado económico non están dispostos a renderse as consignas centrais. Moitos directivos de caixas que durante moito tempo fixeron e desfixeron con absoluta liberdade tamén acaban por decatarse que as entidades que dirixen non son bancos privados e que ao final a sociedade ten máis consciencia de que lles pertencen do que podían sospeitar. Polo tanto, tan pronto como desde Madrid os grandes bancos, PP, PSOE e Banco de España lanzaron o torpedo contra o sistema de caixas, coa bomba de reloxería do FROB como caramelo envelenado, romperon un equilibrio que fixo aflorar as disparidades de intereses e espectativas arremuiñadas ao redor do entramado das caixas.
A estas alturas creo que xa case ninguén se cre iso de que o movemento fusionista e o FROB viña para salvar unhas caixas que supostamente estaban nunha situación calamitosa. A natureza antiautonomista do proxecto posto en marcha –que ao principio só algúns denunciamos– está hoxe á vista de todo o mundo, na prensa madrileña e nas súas tertulias televisivas e radiofónicas. Algo semellante ocorre cos obxectivos de mudar a natureza social das caixas. Mesmo as diferencias entre a CECA e o Banco de España foron adquirindo un tono cada vez máis crítico até chegar a unha aberta confrontación. Nese sentido, é xusto recoñecer a valentía de Juan R. Quintás na denuncia do intento subrepticio de bancarización.
En definitiva, teño a impresión de que o proxecto anti-caixas dos poderes centrais enfrontase a un descrédito social cada vez máis forte. A tal punto creo que iso é así que, salvo vontade suicida, non parece que ningunha das sucursais galegas do PP ou do PSOE poidan dar cobertura a un proxecto que implique a perda de galeguidade das nosas caixas. Posiblemente as presións desde Madrid –con todas as baterías do poder e dos medios– se intensifiquen pero desde o punto de vista social e político o custe para as opcións políticas que as amparen creo que poden ser importantes e mesmo disuasorios. Tamén os directivos das entidades terán experimentado nestes meses que a opción de medrar con fusións ou alianzas fóra choca cos intereses e aspiracións da sociedade que as nutriu até o presente.
Dado, tamén, que a opción da fusión galega encontra unha clara oposición en Caixanova –e pouca convicción en Caixa Galicia– e en sectores sociais e económicos bastante amplos, sobre todo entre as Pemes –e non só as da área viguesa– danse as condicións para que a opción máis viable sexa a inicialmente descartada: a de realizar as reestruturacións que sexan necesarias para que as nosas dúas caixas podan manter a súa viabilidade como proxectos galegos e independentes. De feito, os dados feitos públicos nas últimas semanas polas dúas entidades e algúns dos movementos financeiros destes últimos días poderían interpretarse como pasos nesa dirección. A venda en 445 millóns de euros pola participación en GALP anunciada por Caixa Galicia cabe interpretala como un paso nunha nova estratexia que buscaría desfacer posicións para gañar liquidez e poder facer fronte aos compromisos financeiros sen ter que someterse ao FROB. Na miña modesta opinión esa é a vía: sanear se fai falta aínda que sexa a costa de reducir algo o tamaño. Tanto unha caixa como a outra, que son entidades de tamaño tirando a grande tanto no escenario español coma no europeo, presentan uns ratios de morosidade e solvencia que non son peores que os dos bancos e contan con carteiras de participacións que, en caso de necesidade, poden permitirlles afrontar as dificultades nos escenarios previsibles.
A estas alturas do enguedelle e abeirando calquera tentación de enroque irresponsable, a opción de poñer todos os medios para que as dúas entidades poidan continuar co seu proxecto galego por separado –con eventuais colaboracións reforzadas activando a Federación Galega de Caixas hoxe dormida– pode constituír un punto de encontro no político e a solución ideal para o noso sistema productivo e os nosos aforradores.
Ao mellor acaba sendo certo aquelo que decía santa Teresa: deus escribe dereito con renglóns torcidos. Ogallá.